Emigración felicita ao Centro Galicia en Ponferrada pola posta en marcha dun amplo programa de actividades co gallo do Xacobeo 21-22

Antonio Rodríguez Miranda, acompañado de Manuel Garrido Rivero, técnico do Xacobeo, asistiu hoxe á presentación das iniciativas que organiza o centro durante os próximos meses para a difusión e promoción do Camiño de Santiago.

O secretario xeral da Emigración destacou que os centros galegos de todo o mundo serán os grandes promotores do Xacobeo en tódolos países neste Ano Santo ampliado.

Ambos responsables autonómicos firmaron no libro de honra e comprobaron as melloras executadas nas instalacións do local social da entidade.

  • Imaxe da presentación dos actos de celebración do Xacobeo 2021-22 do Centro Galicia en Ponferrada
    Imaxe da presentación dos actos de celebración do Xacobeo 2021-22 do Centro Galicia en Ponferrada
  • Imaxe da presentación dos actos de celebración do Xacobeo 2021-22 do Centro Galicia en Ponferrada
    Imaxe da presentación dos actos de celebración do Xacobeo 2021-22 do Centro Galicia en Ponferrada
  • Imaxe da presentación dos actos de celebración do Xacobeo 2021-22 do Centro Galicia en Ponferrada
    Imaxe da presentación dos actos de celebración do Xacobeo 2021-22 do Centro Galicia en Ponferrada
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado de Manuel Garrido Rivero, técnico do Xacobeo, asistiron hoxe á presentación das iniciativas que organiza o Centro Galicia en Ponferrada co gallo do Xacobeo 21-22 e que se van desenvolver durante os próximos meses.

Ambos responsables autonómicos foron recibidos no Centro Galicia en Ponferrada pola Banda de Gaitas da entidade e, tras firmar no libro de honra, coñeceron as melloras executadas nas instalacións do local social. Posteriormente trasladáronse á Fábrica de Luz - Museo de la Energía onde participaron no acto de presentación das actividades xunto ao presidente do centro, Flaminio González, co alcalde da localidade, Olegario Ramón, a directora do Museo, Yasodhara López García, o delegado da Diócese de Astorga para o Camiño, Antolín de Cela, a presidenta do Instituto de Estudos Bercianos e o director do teatro municipal Bergidum de Ponferrada, Miguel Ángel Varela Gorgojo.

Durante o acto presentouse un spot publicitario do Camiño de Santiago así como un selo para os peregrinos e peregrinas da Fábrica de Luz-Museo de la Energía. 

O Centro Galicia en Ponferrada porá en marcha dende xullo ata decembro toda unha batería de actividades centradas na promoción do Camiño de Santiago consistentes en diversos obradoiros para as e os máis pequenos e tamén para persoas adultas, espectáculos infantís e musicais, charlas sobre temas relativos ao Xacobeo, así como unha exposición sobre filatelia no Camiño da Cultura que se poderá contemplar dende o 21 de agosto na Fábrica de Luz.

Durante o acto de presentación destas actividades, o secretario xeral agradeceu o labor que está a desenvolver o Centro Galicia en Ponferrada na difusión do Xacobeo e tamén o traballo desenvolvido durante os últimos meses para manter o contacto dos galegos e galegas nesta comarca primeiro durante o confinamento e posteriormente durante as diferentes épocas de restricións. “Somos conscientes de que foi un esforzo inmenso traballar, moitas veces de xeito telemático, para manter os vínculos entre os galegos do Bierzo e que todos, dentro da comunidade, se sentisen arroupados. Agora agradecemos o esforzo que se está a realizar para que a volta á nova normalidade permita a posta en marcha de actividades presenciais e que mellor que facelas dedicándoas á promoción do noso Camiño e do noso Xacobeo”. De feito, Antonio Rodríguez Miranda rematou destacando que “os centros galegos de todo o mundo serán os grandes promotores do Xacobeo en tódolos países neste Ano Santo ampliado”.

709 lecturas