Emigración entrega á Asociación Casa de Galicia de Fuerteventura o material de promoción do Xacobeo 21-22 para as súas actividades de restauración
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe no seu despacho ao vicepresidente da Asociación Casa de Galicia - Amigos de Canarias de Fuerteventura, Jacobo Aguado, con quen analizou a situación dos galegos e galegas nesta illa durante a época da pandemia así como a reactivación das actividades da entidade.
O secretario xeral comprometeuse a seguir colaborando activamente con este centro de recente creación e animoulle a potenciar as actividades lúdicas e educativas para as e os seus membros de cara a potenciar a cultura e a lingua galega entre os seus asociados e asociadas.
Rodríguez Miranda aproveitou a visita do vicepresidente desta asociación para facerlle entrega do material de traballo destinado ás e aos camareiros e cociñeiros do restaurante Brisas do Mar, sede da Asociación Casa de Galicia.
Deste xeito, o equipo humano contará con gorros de cociña, mandís e camisetas co logo do Xacobeo, co obxectivo de dar a coñecer e difundir entre as e os clientes e visitantes o Camiño de Santiago.
Novas relacionadas