Emigración e Xuventude poñen en marcha “Conecta co Camiño”, un programa destinado a que 60 mozos e mozas galegos do exterior percorran a ruta xacobea
O DOG publica hoxe a convocatoria desta iniciativa para persoas de entre 18 e 20 anos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
O programa desenvolverase do 20 ao 31 de xullo e as e os participantes aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo.
As e os participantes percorrerán oito tramos a pé polo Camiño Portugués pola Costa ata Compostela, coñecendo aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego.
O Diario Oficial de Galicia fixo pública hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación no programa de lecer “Conecta co Camiño”, que ofrece 60 prazas para que mozos e mozas galegas do exterior de entre 18 e 20 anos poidan percorrer a ruta xacobea entre o 20 e o 31 de xullo.
Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volve a convocar os programas de achegamento a Galicia dos galegos e galegas do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Camiño de Santiago.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen.
En total, ofértanse 60 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. As e os beneficiados aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.
O programa desenvolverase a través do percorrido por oito tramos galegos a pé polo Camiño de Santiago Portugués pola Costa ata Compostela, así como na participación en actividades orientadas a coñecer aspectos da historia xacobea e o patrimonio cultural vencellado á zona da contorna.
A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, sempre dependendo do nivel de renda dos beneficiarios e beneficiarias, que poderá supor afrontar parte do custo do voo, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia, coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude.
O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, remata o próximo 16 de xuño. Máis información nesta ligazón.
Novas relacionadas