A Secretaría Xeral da Emigración renova a súa colaboración coa Asociación de Retornados Ulla-Umia

O secretario xeral, Antonio Rodríguez Miranda, asina un novo convenio coa Asociación de Retornados Ulla-Umia nun acto ao que asistiu o seu presidente, Celso Domínguez Búa.

O acordo, que conta cunha dotación de 6.000 euros, permitirá ao colectivo seguir a ofrecer información e asesoramento gratuítos ás e aos emigrantes que volven a Galicia.

Imaxe da sinatura, que tivo lugar na sede de Emigración na capital de Galicia
Imaxe da sinatura, que tivo lugar na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de renovar a súa colaboración coa Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (AERU) no seu obxectivo de prestar servizo ás e aos emigrantes que regresan á comunidade. O convenio, asinado polo responsable autonómico e o presidente do colectivo, Celso Domínguez Búa, permitirá á entidade seguir prestando un servizo gratuíto de información e asesoramento a todos os galegos e galegas que volvan a Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración contribúe tanto economicamente, cunha achega de 6.000 euros, como aportando a información necesaria ao labor de asesoramento e seguimento das e dos emigrantes e o seus e as súas descendentes que regresan cada ano á comunidade autónoma que leva a cabo a asociación de persoas retornadas asentada no concello pontevedrés de Caldas de Reis.

Os servizos que presta a asociación abarcan tanto a información e o asesoramento en materia de retorno no senso máis amplo como as solicitudes aos diferentes organismos oficiais galegos, españois e estranxeiros da documentación necesaria para solicitar diferentes prestacións, subsidios e axudas asistenciais. 

“Esta colaboración cobra especial relevancia nun momento no que as cifras de retorno a Galicia están a resultar moi positivas. No último ano case 7.000 galegos volveron á nosa terra”, salientou Miranda, quen puxo en valor que máis do 80% destas e destes retornados teñen menos de 65 anos.

En imaxes
277 lecturas