Miranda recibe ao director executivo da Fundación España Salud de Caracas coa que a Xunta colabora na atención socio sanitaria e domiciliaria a galegas e galegos residentes en Venezuela
A Secretaría Xeral da Emigración acaba de firmar un acordo de colaboración con esta entidade que permitirá destinar 75.000 euros a sufragar os gastos xerados pola prestación de asistencia médica e farmacéutica, así como axuda a domicilio, aos galegos e galegas residentes neste país de máis de 65 anos que carezan dos medios económicos axeitados.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a Álvaro Gómez Rodríguez, director executivo da Fundación España Salud de Caracas, con quen analizou a situación das galegas e galegos residentes e as e os seus descendentes en Venezuela.
Rodríguez Miranda recordou que a Secretaría Xeral da Emigración acaba de firmar un acordo de colaboración coa Fundación España Salud que permitirá destinar 75.000 euros a esta organización de cara a axudar na atención das necesidades sanitarias e domiciliaria a galegas e galegos, ou descendentes destes, maiores de 65 anos residentes en Venezuela que necesitan da súa cobertura por razóns de idade, dependencia e falta de recursos.
A Fundación España Salud de Caracas é una entidade sen ánimo de lucro que ten como finalidade prestar atención sanitaria médico-cirúrxica e farmacéutica ás persoas emigrantes españolas beneficiarias, en particular a aquelas que se atopan en situación de precariedade económica. Presta, ademais, o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) para a asistencia a persoas en situación de dependencia para atender as súas necesidades da vida diaria, dando cobertura a máis de 1.800 galegas e galegos. En Venezuela reside unha importante colectividade de persoas de orixe galega que, pola súa situación de carencia, sofren unha falta de mecanismos de cobertura social e sanitaria, agravada polas circunstancias nas que se atopa o país.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con esta entidade, xa que considera necesario exercer unha colaboración que permita dar cobertura sanitaria e social axeitada á colectividade galega residente en Venezuela.
Novas relacionadas