Emigración comeza unha campaña pioneira de reforzo da integración de inmigrantes
Trátase dunha iniciativa para a poboación xeral que plasma, en produtos de ‘merchandising’, a imaxe gañadora do concurso escolar Un mundo de cor.
A Secretaría Xeral da Emigración comezou a pasada semana unha campaña pioneira de sensibilización entre a cidadanía para promover unha meirande integración do colectivo de inmigrantes e retornados na Comunidade Autónoma, a través de diversos produtos de merchandising que invitan e axudan á reflexión.
Aínda que os datos reflectidos no Barómetro da Inmigración en Galicia son moi positivos respecto da integración de nados no estranxeiro, o Goberno galego quere facer fincapé en certos valores para previr posibles condutas xenófobas no futuro. Así, a campaña incide nunha imaxe positiva do feito migratorio, poñendo de manifesto a contribución das persoas inmigrantes no desenvolvemento de Galicia e promovendo os valores de igualdade, solidariedade e non discriminación.
A iniciativa forma parte da nova estratexia anual desenvolvida pola subdirección xeral da Inmigración e do Retorno, pois constitúe en realidade unha segunda etapa do concurso escolar Un mundo de cor, que se desenvolveu este pasado curso 2010/11. Neste concurso, invitouse aos centros educativos infantís de primaria e secundaria de Galicia a que os seus escolares participasen na creación dunha imaxe que representase a pluralidade de razas, crenzas e procedencias presentes na sociedade galega. Precisamente, un re-styling dalgunhas das imaxes gañadoras do concurso foi a base da campaña que se está a desenvolver.
Desde a pasada semana
A campaña comezou a pasada semana, e prolongarase durante este mes e parte de setembro. Desenvólvese cada día da semana nunha ou varias zonas de costa –onde se concentra boa parte da poboación nesta época estival-, e tamén nas capitais das provincias de Lugo e Ourense.
En cada localidade, unha azafata e unha persoa inmigrante en representación do seu colectivo, reparten conxuntamente entre os viandantes -nas rúas céntricas, parques e praias- produtos elaborados como froito dunha campaña de imaxe baseada na enerxía que transmitiron os debuxos dos máis pequenos.
En concreto, distribúense camisetas e polos de diferentes tallas, envases de lata con nove pousavasos no seu interior, caixas de lapis e material escolar infantil, e tamén alfombriñas para o ordenador persoal. En todos estes produtos plasmouse en debuxos unha visión nidia, sinxela e chea de forza que desde os trazos infantís amosan as vantaxosas experiencias do enriquecedor feito de convivir día a día nunha sociedade multicultural.
Novas relacionadas



