Emigración agradece o compromiso dos centros galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta co Xacobeo 21

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a promoción do Camiño da Prata que están a realizar estas entidades, en especial, de cara ao Ano Santo.

Nun encontro por videoconferencia destacou a o esforzo que as casas galegas nestas comunidades autónomas están a facer para manter as actividades nunha época de pandemia como a actual.

Foto de arquivo da VIII Xuntanza de Centros Galegos en Andalucía, Ceuta e Estremadura, celebrada no Porto de Santa María
Foto de arquivo da VIII Xuntanza de Centros Galegos en Andalucía, Ceuta e Estremadura, celebrada no Porto de Santa María
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continúa coa rolda de contactos coa colectividade no exterior, neste caso, noutras comunidades autónomas, co obxectivo de coñecer a situación que están a vivir a causa da pandemia da Covid-19 así como agradecer o apoio e pulo que están a dar ao Xacobeo 2021.   

Deste xeito, no encontro estiveron presentes o presidente da Casa de Galicia de Huelva, Antonio Pastoriza, do Porto de Santa María en Cádiz, Manuel Díaz, da Casa de Galicia en Córdoba, Rosa María Outeiriño, do Lar Gallego de Sevilla, José Antonio Otero, do Centro Galego de Málaga, Alfonso Bermúdez, así como da Casa de Galicia en Badaxoz, María Jesús Ferreiro e da Asociación Centro Gallego de Ceuta, Elvira Lama.

Durante o encontro, o titular do departamento autonómico e as e os diferentes responsables das casas galegas puxeron sobre a mesa a actual situación que se está a vivir nas comunidades autónomas a raíz da Covid-19 e o que isto supón a nivel de desenvolvemento das actividades programadas para este ano e para o próximo 2021.

Neste senso, o secretario xeral quixo trasladarlles o seu máximo agradecemento polo esforzo que están a levar a cabo para que estas actividades, que son o auténtico motor de acción destas entidades, poidan seguir a ser unha realidade tendo en conta que moitas tiveron que ser reformuladas para adaptarse ás restricións sanitarias e outras convertéronse en iniciativas dixitais ou on line.

Seguindo nesta mesma liña, as casas galegas de Andalucía, Estremadura e Ceuta tamén analizaron con Rodríguez Miranda o seu calendario para o próximo 2021, en especial, en relación á súa participación no Día da Galicia Exterior e a promoción do Ano Santo. 

“Quero agradecer de xeito especial o labor destas entidades ante o apoio que están a mostrar ao Camiño da Prata de cara a conseguir que o Xacobeo 21 sexa o mellor posible”, rematou o secretario xeral da Emigración, quen engadiu que dende a Xunta de Galicia continuarase a traballar coas entidades galegas en España co obxectivo de que, entre todas e todos, se poida garantir a súa supervivencia nun contexto tan complexo como o actual.

334 lecturas