Miranda analiza coas entidades galegas de Brasil a súa participación no Día da Galicia Exterior do 2021 coa axuda da Secretaría Xeral da Emigración

O secretario xeral da Emigración tamén analizou con estas asociacións a situación das e dos emigrantes neste país a causa da Covid-19. 

Destacou as axudas destinadas no presente ano ás entidades galegas no exterior para a mellora de equipamentos e infraestruturas, que contaron cun orzamento global de 575.000 euros.

O secretario xeral da Emigración, na sede da SXE en Compostela, durante a videoconferencia
O secretario xeral da Emigración, na sede da SXE en Compostela, durante a videoconferencia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa colectividade galega de Brasil co obxectivo de coñecer a situación actual que están a vivir os galegos e galegas que viven neste país suramericano e para analizar a súa participación de cara á celebración do Día da Galicia Exterior o próximo Ano Santo 2021.

Neste senso, o secretario xeral destacou que durante o encontro planificouse cos contactos de Brasil as actividades previstas para o próximo exercicio, destacando especialmente a súa participación neste importante día que vén a potenciar o Camiño de Santiago, unha das iniciativas que maior relevancia ten entre as comunidades galegas do exterior, que serven de faro de divulgación do futuro ano Xacobeo. 

“O compromiso da Secretaría Xeral da Emigración para la celebración deste día é absoluto, e ademais, queremos que sexa un día compartido con todos os galegos do mundo”, engadiu Rodríguez Miranda, quen destacou que “estamos a traballar para que sexa o mellor Xacobeo posible nunha época na que, somos conscientes, estamos a vivir tempos difíciles”.

Precisamente, durante a videoconferencia, o titular do departamento autonómico analizou cos e coas representantes dos diferentes centros galegos deste país a actual evolución da pandemia en Brasil e as dificultades que están a vivir as e os emigrantes galegos neste país suramericano. Tal e como explicaron, na actualidade, as actividades presenciais volveron a recuperarse aínda que continúa a participación directa dos socios e socias dentro dos centros, aproveitándose todo o posible as iniciativas de tipo dixital e en liña. 

Ademais, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para planificar o traballo con este colectivo para o vindeiro ano, en especial en relación aos cambios que supón no seu desenvolvemento habitual a redución de actividades presenciais que teñen que ser substituídas por eventos de carácter telemático. 

Durante a reunión, o secretario xeral da Emigración recordou o apoio ás entidades galegas no exterior no presente 2020 coas axudas destinadas a reforma, rehabilitación e conservación, así como a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable das diferentes entidades galegas do exterior, e que contaron cun orzamento de 575.000 euros. 

Segundo país do mundo con máis presenza galega
Na reunión participaron o Centro Español de Salvador de Bahía, a Edace-Escola desta mesma localidade xunto ao Galicia Esporte Clube e a Asociación Cultural Hispano-Gallega Caballeros de Santiago; tamén a Sociedade Hispano Brasilleira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo, o Club Español de Niteroi, a Sociedade de Socorros Mutuos Rosalía de Castro de Santos, o Grêmio Espanhol de Belo Horizonte, a Sociedade Espanhola de Beneficiente Rosalía de Castro de São Paulo, o Centro Español e Repatriación de Santos, a Casa de Galicia de Curitiba, a Asociación e a Sociedade Espanhola de Beneficiencia de Río de Janeiro.

En Brasil residen actualmente un total de 49.467 habitantes de orixe galega, erixíndose no segundo país do mundo con máis presenza galega, segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2020 polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

622 lecturas