A Secretaría Xeral da Emigración participa na xuntanza dos centros galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta, e na celebración do 50 aniversario da Casa de Galicia de Ondarroa

O subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Antonio Casas Calviño, salientou no País Vasco o importante labor que as galegas e os galegos desta localidade están a realizar desde hai medio século en prol da cultura da súa terra de orixe. 

Badaxoz acolleu a reunión das entidades galegas do sur de España, na que o xefe de Servizo de Programas Socio-Asistenciais, José Castro Soto, puxo de relevo a importancia da unión das e dos galegos para fortalecer as institucións. 

  • Imaxe da celebración do 50º aniversario da Casa de Galicia de Ondarroa
    Imaxe da celebración do 50º aniversario da Casa de Galicia de Ondarroa
  • Imaxe da celebración en Badaxoz da xuntanza da Federación de Centros Galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta
    Imaxe da celebración en Badaxoz da xuntanza da Federación de Centros Galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2019.

A Secretaría Xeral da Emigración participou este sábado en dous dos actos máis relevantes organizados pola colectividade galega en diferentes puntos de España, a xuntanza da Federación de Centros Galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta e o cincuenta aniversario da Casa de Galicia de Ondarroa. Durante esta última, o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Antonio Casas Calviño, salientou a importancia do labor que as galegas e os galegos que residen nesta localidade do País Vasco están a realizar en prol da cultura e as tradicións galegas desde hai medio século. “Non se trata só dunha cuestión de cumprir anos. Quero felicitarvos polo voso incansable labor en prol de Galicia, da súa cultura, das súas tradicións e de nós todos, as súas xentes. E permitídeme que faga extensiva esta invitación a todas as entidades galegas desta comunidade autónoma para seguir traballando de xeito conxunto baixo o paraugas da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e converterse, así, nun referente cultural e social de toda a comunidade”, sinalou.

Ao acto de conmemoración das vodas de ouro desta entidade asistiron, ademais do subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas da Secretaría Xeral da Emigración, o alcalde de Ondarroa, Zunbeltz Bedialuauneta; o delegado do departamento de Cultura do Goberno Vasco, Bingen Zupiria; a presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, Pilar Rodríguez; e o presidente da Casa Galicia de Ondarroa, Armindo Peso Peso.

Unha federación que crece
Tamén en Badaxoz, a centos de quilómetros pero unidos polas súas orixes e o amor polas súas raíces, a colectividade galega celebra hoxe unha data importante, a da xuntanza da Federación de Centros Gallegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta. Integrada pola  Casa de Galicia en Cádiz, o Centro Gallego de Ceuta, o Lar Gallego de Sevilla, a Casa de Galicia en Córdoba, a Casa de Galicia en El Puerto de Santa María, a Casa de Galicia en Huelva, o Centro Gallego de Málaga, a Casa de Galicia de Badaxoz e o Centro Gallego de Ceuta, a entidade aglutina a un total de preto dun milleiro de socias e socios, dos que máis de 600 son galegos.

“Hoxe, 28 anos despois da constitución da Federación, é unha honra poder ser testemuña de que está unión segue máis forte aínda que hai case tres décadas tras incorporar á Casa de Galicia en Badaxoz e o Centro Gallego de Ceuta, e constatar así que o tempo e as vivencias, lonxe de crear distancia e romper todo aquilo que nos une, nos fixo aínda máis consistentes e máis grandes”, apuntou Castro Soto. Tralo acto institucional, as e os asistentes desfrutaron dunha actuación do Coro do Lar Gallego de Sevilla e dun pasarrúas co grupo de gaitas do Lar Gallego de Sevilla e dunha visita guiada á Catedral de Badaxoz.

756 lecturas