Emigración abre o prazo de solicitude das axudas extraordinarias ao retorno cun orzamento de 1,7M€

Esta liña vai dirixida a que os retornados e retornadas poidan afrontar os gastos excepcionais que supón asentarse na comunidade

As persoas interesadas contan co apoio da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

A axuda pódese solicitar dende mañá, martes 11, ata o próximo 29 de setembro. 

Imaxe de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Vigo
Imaxe de arquivo dunha visita do secretario xeral da Emigración á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria da liña de axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e que teñen como obxectivo axudarlles a afrontar os gastos excepcionais que supón o seu asentamento na comunidade autónoma. En total, a Xunta destina a este fin un orzamento para 2023 de 1,7 millón de euros.

O fomento do retorno dos galegos e galegas do exterior é unha das liñas estratéxicas do Goberno autonómico para facer fronte ao reto demográfico, non só como unha cuestión poboacional, senón que se trata tamén de sumar talento para enriquecer o tecido empresarial con profesionais de ampla experiencia e formación.

A axuda pódese solicitar dende mañá, martes 11, ata o próximo 29 de setembro. 

O importe da axuda establécese en función dos puntos obtidos ata chegar a un límite de 6000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, e en función do número de fillas e fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos 5 anos, Venezuela, Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai, México, Reino Unido, os Estados Unidos e Chile. A maioría das e dos beneficiarios eran fillas e fillos de nacidos en Galicia, aínda que se está a notar un aumento no número de netas e netos retornados. 

Todos os galegos e galegas do exterior que desexen volver a Galicia contan co apoio da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno, situada nas principais cidades galegas e onde se lles facilita toda a información que precisan no seu regreso, mesmo antes de que se produza esta volta, desde o seu país de residencia.

602 lecturas