Rueda anuncia dúas novas liñas de axudas da Xunta por valor de 2,7 M€ para apoiar aos galegos e galegas do exterior no seu retorno a Galicia

Unha liña vai dirixida a facilitarlles a posta en marcha de iniciativas emprendedoras e outra para que poidan afrontar os gastos excepcionais que supón asentarse na comunidade.

As persoas interesadas contan co apoio da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

O Goberno galego ten en marcha a segunda edición da Estratexia Galicia Retorna á que destina 450 M€ co obxectivo de facilitar, ao longo dos vindeiros catro anos, o regreso de 30.000 galegos e galegas que viven no exterior.

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023.

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe dúas novas liñas de axudas económicas, dentro da segunda edición da Estratexia Galicia Retorna, para facilitar o retorno dos galegos e galegas do exterior. Cun orzamento global de 2,7 millóns de euros estas partidas van dirixidas, por unha parte, a facilitarlles á posta en marcha dun negocio por conta propia e, por outra, a apoiar a estas persoas retornadas nos gastos excepcionais derivados de asentarse na nosa comunidade.

O fomento do retorno dos galegos e galegas do exterior é unha das liñas estratéxicas do Goberno autonómico para facer fronte ao reto demográfico, non só como unha cuestión poboacional, senón que se trata tamén de sumar talento para enriquecer o tecido empresarial con profesionais de ampla experiencia e formación.

O presidente da Xunta lembrou que o Goberno galego ten en marcha unha segunda edición da Estratexia Galicia Retorna á que se destinan 450 millóns de euros e que ten como obxectivo facilitar, ao longo dos vindeiros catro anos, o regreso de 30.000 galegas e galegos que viven no exterior. “Obxectivo realista, porque se cumpriu xa na primeira edición”, remarcou.

En canto á liña de axudas ao retorno emprendedor, Rueda explicou que contarán cun orzamento de 1 millón de euros. O importe desta axuda é de 6000 euros, 1000 máis se a persoa emprendedora é muller, e 3000 máis se reside nun concello rural, chegando así, como máximo, aos 10.000 euros.

Segundo se desprende dos datos dos últimos anos relativos á concesión destas axudas, os principais países de procedencia das e dos beneficiarios son Venezuela, o Reino Unido, Suíza, o Brasil e México, cunha idade media dos emprendedores e emprendedoras de 41,2 anos. O 77 % delas e deles contan con experiencia no sector en que investiron, e o 52,1 % son retornadas e retornados nacidos en Galicia.  

En canto á liña de axudas extraordinarias ao retorno, o presidente da Xunta precisou que teñen como obxectivo facer fronte aos gastos excepcionais xerados do retorno, cun investimento para 2023 de 1,7 millón de euros.

O importe da axuda establécese en función dos puntos obtidos ata chegar a un límite de 6000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, e en función do número de fillas ou fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos 5 anos, Venezuela, Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai, México, Reino Unido, Estados Unidos e Chile. A maioría das e dos beneficiarios eran fillas e fillos de nacidos en Galicia, aínda que se está a notar un aumento no número de netas e netos retornados. 

Todos os galegos e galegas do exterior que desexen volver a Galicia contan co apoio da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno, situada nas principais cidades galegas e onde se lles facilita toda a información que precisan no seu regreso, mesmo antes de que se produza esta volta, desde o seu país de residencia.

232 lecturas