O Consello da Xunta informa sobre a convocatoria de axudas, valoradas en 2 millóns de euros, para o establecemento de familias galegas retornadas

Estas axudas extraordinarias, que se incrementan nun 18 %, están dirixidas a que as familias poidan afrontar os gastos excepcionais que supón asentarse na comunidade.

As persoas interesadas contan co acompañamento da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

O Goberno Galego ten en marcha a segunda edición da Estratexia Galicia Retorna á que destina 450 millóns de euros co obxectivo de facilitar, ao longo dos vindeiros catro anos, o regreso de 30.000 galegos e galegas que viven no exterior.

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
  • As persoas interesadas contan co acompañamento da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno
    As persoas interesadas contan co acompañamento da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024.

O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova convocatoria da liña de axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, dentro da Estratexia Galicia Retorna, co obxectivo de axudarlles a afrontar os gastos excepcionais que supón o seu asentamento na comunidade autónoma. Cun orzamento global de 2 millóns de euros, esta partida vai dirixida a apoiar estas persoas retornadas nos gastos excepcionais derivados de asentarse na nosa comunidade.

O fomento do retorno dos galegos e galegas do exterior é unha das liñas estratéxicas do Goberno Autonómico para facer fronte ao reto demográfico, non só como unha cuestión poboacional, senón tamén para sumar talento e enriquecer o tecido empresarial con profesionais de ampla experiencia e formación.

O importe da axuda establécese en función das condicións e características sociais da familia, ata chegar a un límite de 6.000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, as condicións de réxime da vivenda e en función do número de fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos anos, Suíza, Alemaña, Francia, Reino Unido, Venezuela, Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai, México, Estados Unidos e Chile. A maioría dos beneficiarios eran fillos de nacidos en Galicia, aínda que se está a notar un aumento no número de netos retornados.

Todos os galegos e galegas do exterior que desexen volver a Galicia contan co apoio da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, situada nas principais cidades galegas e onde se lles facilita toda a información que precisan no seu regreso, mesmo antes de que se produza esta volta, desde o seu país de residencia. Agora tamén, nunha oficina móbil que percorrerá toda Galicia.

606 lecturas