O galego consolídase nos programas académicos das universidades alemás e reforza a súa proxección exterior

O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou o novo Centro de Estudos Galegos da Universidade de Heidelberg, que centra a súa actividade na docencia, na investigación e na promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas

Na Universidade de Tubinga, que tamén conta cun centro de estudos galegos, Anxo Lorenzo ofrece unha conferencia sobre a política lingüística e os principais retos do idioma

Os estudos de galego están presentes en cinco universidades alemás

Listen to this page using ReadSpeaker

A lingua galega consolídase nos programas académicos das universidades de Alemaña e reforza, deste xeito, a súa proxección e recoñecemento internacionais a través da docencia, da investigación e das actividades de promoción do idioma, da literatura e da cultura de Galicia. Á consecución deste obxectivo contribúe o novo Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade de Heidelberg, que foi inaugurado onte polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

O CEG de Heidelberg, que leva en activo desde 1995, forma parte dun novo departamento da universidade desde o inicio do curso académico 2011-2012, o Departamento de Tradución e Interpretación. Ademais, desde este ano, o CEG conta tamén cun novo responsable, o catedrático de tradución Óscar Loureda, así como cun novo profesor lector de galego, Ignacio Urrutia, que desenvolverán durante o curso unha completa programación de actividades baseada nos ámbitos científico, cultural e da tradución.

Ademais de en Heidelberg, o galego está presente actualmente nos programas académicos das universidades alemás de Kiel, Leipzig, Berlín e Tubinga. O secretario xeral de Política Lingüística tamén visitará esta última universidade para impartir un relatorio no que presentará as liñas de actuación que está a impulsar o Goberno galego para o promoción do idioma, así como para expoñer os principais retos que afronta actualmente a lingua galega.

Colaboración entre os centros de estudos galegos alemáns
No curso 2011-2012, os centros de estudos galegos das universidades de Heidelberg e de Tubinga colaborarán na realización dalgunhas actividades. Entre elas inclúese a participación dos alumnos e alumnas de galego das dúas universidades en relatorios que tratarán, por unha banda, a situación actual do idioma nos distintos ámbitos, para darlles a coñecer as características sociais da lingua que estudan e coa que traballarán, e, por outra banda, a situación da emigración galega a Alemaña a mediados do século XX.

O estudo do galego en universidades estranxeiras
Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en corenta universidades de Europa e de América. A maior parte delas contan cunha profesora ou un profesor lector, asentado en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos. A través destes centros, as universidades inclúen no seu plan de estudos unha importante oferta académica que lle permite ao seu alumnado cursar materias de lingua, literatura e cultura galegas.

Ademais, os lectores e lectoras de galego tamén se responsabilizan da organización de diversas actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión do galego, tales como cursos, conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas, exposicións etc., que se levan a cabo tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece o desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Ademais, a convocatoria de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

En imaxes
958 lecturas