Política Lingüística renova un convenio coa Universidade de Sao Paulo para a promoción do galego.

A institución brasileira promoverá a lingua e cultura de Galicia no seu ámbito académico e na súa área de influencia.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Universidade de Sao Paulo, en Brasil, renovou o seu convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A institución brasileira promoverá a lingua e cultura galegas coa organización de actividades como conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas e exposicións. A universidade acollerá un lector de lingua, literatura e cultura galega por un período de polo menos un ano, que será o encargado de levar a cabo estas accións.

A universidade tamén se compromete a manter o ensino da lingua e cultura galegas no programa de estudos vixente. No pasado curso académico do 2009-2010 matriculáronse 58 persoas nas materias de lingua e cultura galega desta universidade. Máis de dúas mil persoas participaron das actividades culturais realizadas polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de Sao Paulo ao longo do ano.

En imaxes
1496 lecturas