Anxo Lorenzo reúnese cos novos lectores e lectoras que difundirán o galego en universidades españolas e estranxeiras

O responsable de Política Lingüística destacou o importante papel que os lectores e as lectoras de galego veñen desenvolvendo desde hai anos a prol da proxección internacional do idioma e da cultura de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker

Os novos profesores e profesoras lectores e lectoras de galego visitaron esta mañá a Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde tiveron un encontro de traballo con persoal deste departamento e co secretario xeral, Anxo Lorenzo. Durante o encontro, o secretario xeral transmitiulles a necesidade de que, a partir da súa incorporación nas respectivas universidades de orixe, poidan darlle continuidade ao importante labor que se vén desenvolvendo desde os lectorados de galego a prol da difusión exterior da lingua e da cultura de Galicia.

Os novos lectores e lectoras de galego, un total de nove, iniciarán o seu desempeño profesional no curso académico 2011-2012 en catro universidades españolas e en cinco estranxeiras. As universidades de destino españolas son a Complutense de Madrid, a de Barcelona, a de Granada e a de Deusto (Bilbao). No estranxeiro, os lectorados que incorporan un novo profesor son, en Italia, a de Padua e a de La Sapienza (Roma). Outros dous lectores desempeñarán o seu labor en Portugal, na Universidade do Algarve e mais na do Minho. Finalmente, o lectorado alemán da Universidade de Heildelberg tamén incorporará un novo lector a partir do curso 2011-2012

Os profesores e profesoras lectores e lectoras de galego levarán a cabo nestas universidades un importante labor académico a través da impartición de aulas de lingua e de literatura. Neste sentido, o secretario xeral animounos a que estimulen o interese do seu alumnado e a que, ademais, se convertan en dinamizadores do idioma desde o ámbito cultural, tanto dentro como fóra do ámbito universitario.

O papel dos lectorados na proxección internacional do galego
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou este ano, mediante Orde do 15 de abril de 2011, prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de nove universidades de España, Italia, Portugal e Alemaña, que solicitaron un total de 92 persoas, 42 máis respecto da convocatoria de 2010.

Actualmente, o galego é obxecto de estudo nun total de corenta universidades de Europa e de América. A maior parte delas contan cun profesor ou profesora lector ou lectora, asentado en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos. Esta posibilidade de estudar a lingua e a cultura galegas en centros de ensino superior de todo o mundo é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión exterior do galego, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas, e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observar o interese e recoñecemento que posúe fóra.

911 lecturas