Os máis de 10.000 visitantes da Expolingua Berlín tiveron ocasión de achegarse á lingua galega durante a fin de semana.

Política Lingüística organizou diversos cursos de iniciación ao galego e informou sobre as múltiples posibilidades para aprender o idioma no estranxeiro.

A feira internacional das linguas e das culturas clausurouse este domingo.

Listen to this page using ReadSpeaker
22 de novembro de 2010.

Minicursos de iniciación á lingua galega, datos sobre a historia e a situación actual do idioma, información sobre os centros de estudos galegos das universidades estranxeiras e sobre os cursos de verán de lingua galega para estranxeiros en Galicia ou as últimas publicacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Estes foron algúns dos principais contidos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lles ofreceu a través do seu stand ás máis de 10.000 persoas que visitaron desde o venres e ata hoxe a Expolingua Berlín.

A vixésimo terceira edición desta feira internacional das linguas e das culturas, que remata onte ás 18:00 horas, contou coa participación de 200 expositores procedentes de 30 países, nos que estiveron representados un total de 50 idiomas, entre eles o galego. Este ano, China foi o país convidado á Expolingua Berlín.

Estudantes, profesores, tradutores, intérpretes e tamén cidadanía en xeral atópanse entre os miles de visitantes que acoden cada ano á Expolingua Berlín, onde poden informarse das múltiples posibilidades que se ofrecen no campo da aprendizaxe e do ensino de idiomas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística aproveita este escenario para promover a proxección exterior do galego, así como para potenciar o coñecemento do idioma fóra de Galicia e favorecer o seu recoñecemento internacional.

Ao mesmo tempo, Expolingua Berlín constitúe unha oportunidade para intercambiar experiencias con institucións lingüísticas e entidades de formación en idiomas doutros países, xa que nesta feira internacional participan, entre outros, escolas de idiomas de todo o mundo, institutos de cultura, organizacións de intercambio, universidades nacionais e internacionais, promotores de exames oficiais de idiomas etc.

1712 lecturas