DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Listen to this page using ReadSpeaker

Nesta nova conmemoración do día 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, desde o Goberno galego queremos incidir no longo camiño que levamos percorrido na igualdade de oportunidades e na corresponsabilidade de todas e todos, ao tempo que reforzarmos o noso firme compromiso de seguir avanzando na consolidación destes principios.

O pasado 22 de febreiro conmemorouse o Día pola Igualdade Salarial, segundo recomendación do Parlamento Europeo. Esta data elixiuse para salientar que as mulleres teñen que traballar ata o 22 de febreiro do ano seguinte para alcanzar o salario dun home que o fixera os 12 meses do ano natural.

Desa maneira, en igualdade de condicións, a xornada laboral das mulleres excede en 53 días á dos seus compañeiros varóns, o que supón que perciban de media un 15% menos de salario. A brecha salarial existente manifesta, ademais, o impacto e a repercusión que a situación actual de grave crise económica reflicte no contorno socioeconómico das mulleres.

As mulleres son especialmente vulnerables en situacións que conlevan unha precariedade no emprego, inestabilidade no traballo, dificultades para a axeitada promoción profesional, escasa presenza en postos de responsabilidade, así como nas diferenzas salariais en relación cos seus compañeiros varóns. Ademais, a feminización da pobreza é unha realidade no contexto europeo, no que estamos incorporados.

Cando as situacións descritas vense incrementadas por unha discapacidade, as mulleres sofren unha dobre discriminación alimentada por tradicionais prexuizos inxustificados que multiplican as desigualdades existentes por razón de xénero.

O Goberno de Galicia, consciente desta situación, reivindica e reafirma a súa defensa e promoción do principio fundamental de igualdade de oportunidades e de trato entre os homes e as mulleres, especialmente cando teñen unha discapacidade. Ao mesmo tempo que lle rende unha merecida homenaxe a tantas mulleres, algunhas con discapacidade, que foron e son protagonistas da transformación social en favor da equidade, segue co seu compromiso na procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria, sen discriminacións.

Desa maneira, a Xunta de Galicia quere dedicarlle os actos conmemorativos deste 8 de marzo, baixo o lema “Vivir a diferenza, garantir a igualdade”, ás mulleres con discapacidade. Por outra parte, coa finalidade de levar a cabo accións para a súa plena integración na sociedade está a desenvolver, dentro do marco do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013, o primeiro estudo que aborda a situación destas persoas desde una perspectiva de xénero.

O reforzo da transversalidade nas políticas que repercuten na igualdade de xénero en todos os ámbitos, especialmente no da discapacidade, unido ao educativo, de saúde, do benestar, da formación e colocación, das relacións de traballo, da conciliación laboral e familiar e da corresponsabilidade das mulleres e os homes, son e seguirán a ser eixes prioritarios nas actuacións da Xunta de Galicia.

Os avances da sociedade galega son tamén os avances de todas as mulleres que constitúen o 50% do noso capital humano e do noso coñecemento, aptitude e habilidade. A colaboración de todas as institucións, asociacións, axentes sociais, empresariado e, en definitiva da sociedade civil, constitúen os verdadeiros fundamentos da imprescindible participación activa e solidaria das mulleres e dos homes, nun marco igualitario de dereitos reais e de oportunidades.

1250 lecturas