Declaración institucional da Xunta de Galicia en conmemoración do día internacional das mulleres

Listen to this page using ReadSpeaker

A celebración, o 8 de marzo, do día internacional das mulleres ten que reafirmar a obriga de todas e de todos nós, na procura da igualdade como un ben en si mesmo, e como un principio orientador no ámbito laboral, educativo, de saúde, de corresponsabilidade e de participación nunha sociedade sustentable, moderna e cohesionada.

Estamos inmersos nun contorno de grave crise económica que está a incidir máis negativamente na situación sociolaboral das mulleres. O incremento do paro laboral feminino, as súas dificultades para incorporarse ao mundo do traballo, así como a aínda escasa presenza de mulleres en postos de responsabilidade, son realidades que exixen novos mecanismos e novas accións proactivas para erradicar calquera tipo de discriminación.

O Goberno galego adquiriu o compromiso prioritario de avanzar na igualdade entre as mulleres e os homes construíndo un país no cal o feito de nacer cun sexo determinado non causase limitacións para o pleno desenvolvemento persoal e social. De aí, a posta en práctica de políticas con accións positivas en favor da igualdade de oportunidades e de trato no marco do emprego, a formación, as relacións laborais, a prevención de riscos, a inclusión social e da corresponsabilidade na conciliación da vida familiar e laboral.

Desde a Xunta de Galicia queremos facer extensivo este compromiso ao mundo empresarial, ás asociacións, aos axentes sociais e a toda a cidadanía galega para, desa maneira, seguir deseñando e executando as diferentes actuacións rexidas pola aplicación transversal do principio de igualdade de oportunidades e de trato entre as mulleres e os homes.

Temos que camiñar cara a unha Galicia equitativa, tolerante e respectuosa coas diferenzas e na que poidamos convivir sen que prevalezan as desigualdades de xénero.

2366 lecturas