O VI Plan de Igualdade implica a toda a Xunta na consecución da igualdade real de oportunidades para as mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou esta mañá en rolda de prensa o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes.

Están programadas para o período 2013-2015 un total de 320 actuacións, das cales máis das tres cuartas partes incorporan cambios ou son novidosas.

Susana López Abella presentou o Plan de Igualdade. Foto: Conchi Paz.
Susana López Abella presentou o Plan de Igualdade. Foto: Conchi Paz.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2013.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou esta mañá en rolda de prensa o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes, do que destacou que é o primeiro de “todo o Goberno galego”, nunha clara mostra do apoio da Xunta cara a consecución da igualdade real de oportunidades para as mulleres.

Neste sentido, asegurou que, pese a difícil situación económica actual, se trata dun plan ambicioso, tanto no número de accións presentadas polo conxunto da Administración galega, como na revisión, actualización e mellora destas cara a ofrecer unha resposta ás demandas sociais actuais e de futuro. Precisamente, máis das tres cuartas partes das actividades do Plan incorporan cambios ou son novas respecto aos anos anteriores.

O VI Plan de Igualdade foi aprobado o pasado xoves polo Consello da Xunta e ten programadas para o período 2013-2015 un total de 320 actuacións, cun orzamento de máis de 220 millóns de euros. Segundo explicou a titular de Igualdade o seu obxectivo é “consolidar os logros xa acadados e, sobre todo, continuar a traballar nos compromisos e retos que aínda quedan por conseguir”.

Así, o Plan estruturase en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.

Combater a violencia de xénero
A acción integral para combater a violencia de xénero é o eixo que engloba un maior numero de actuacións, con case o 30 por cento das actividades do plan (91). Trátanse de accións de prevención e asistencia integral e coordinada a favor das mulleres vítimas e das persoas ao seu cargo, así como a través do apoio á súa independencia e integración social.

Neste eixo destaca o desenvolvemento do Observatorio Galego da Violencia de Xénero para estimular o estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia de xénero en Galicia; o impulso dunha Rede de Concellos contra a violencia de xénero que desenvolvan programas de prevención e abordaxe da violencia de xénero; e a promoción e apoio á posta en marcha dun recurso especializado na atención de menores vítimas de trata, fundamentalmente con fins de explotación sexual.

Mellora da gobernanza a favor da igualdade
Na mellora da gobernanza a favor da igualdade, o Plan recolle 50 actuacións e o compromiso polo desenvolvemento da transversalidade de xénero nas políticas desenvolvidas pola Administración galega, no deseño, execución, e seguimento de políticas das que mulleres e homes se beneficien de forma equivalente, contribuíndo ao progreso e benestar do conxunto da sociedade galega.

O Plan recolle a realización dun programa de formación avanzada para os profesionais da Administración autonómica cunha relación máis directa co desenvolvemento da perspectiva de xénero na acción e nos servizos públicos; e o reforzamento do papel dos centros de informacion ás mulleres como axentes dinamizadores da igualdade entre homes e mulleres no ámbito local.

Cambio de valores e modelos
Neste eixo, o Plan contempla 72 actuacións encamiñadas a actividades de difusión, sensibilización e aprendizaxe que sirvan para concienciar a poboación, especialmente á mocidade, sobre a necesidade de comprometerse cun modelo social máis equitativo en xénero e adoptar unha actitude proactiva na súa cimentación por parte de todos e de todas.

Neste apartado destaca o apoio á realización de actividades de coeducación dende as entidades locais dirixidas á poboación infantil e xuvenil, así como o desenvolvemento de ferramentas, materiais e outras iniciativas de información e orientación, dirixidas ao deseño e implantación dunha estratexia coeducativa integral nos centros educativos de niveis non universitarios, xunto coa posta en marcha dunha liña de asesoramento on line en materia de igualdade de xénero e coeducación a disposición dos centros educativos.

Aproveitamento do talento feminino
As actuacións para este eixo van desde concienciar sobre a necesidade colectiva de avanzar nunha plena participación das mulleres no mercado laboral e profesional ata o deseño de axudas que sirvan de estímulo á súa incorporación ao mercado do traballo e á consolidación da igualdade de trato e de oportunidades neste ámbito, pasando pola actualización ou reforzamento das competencias profesionais mediante a formación.

De entre as 53 actuacións contempladas, destacan as liñas de subvencións para a posta en marcha de iniciativas empresariais de mulleres e para a creación de emprego feminino vinculado aos novos proxectos de empresa; o acompañamento en proxectos de renovación e relanzamento empresarial liderados por mulleres que estean orientados ao mantemento da promoción e da competitividade; e o apoio á introdución de melloras innovadoras e creativas nos proxectos de desenvolvemento empresarial liderados por mulleres.

Conciliación corresponsable e calidade de vida
Neste eixo englobanse 27 actuacións dirixidas a promover unha asunción equilibrada entre ambos sexos dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares cos tempos dedicados ao traballo remunerado e á formación, así como ao ocio e á vida social.

Coma actuacións salientables destacan as subvencións destinadas a apoiar a organización de servizos, recursos e actividades complementarias que faciliten a adecuación dos horarios escolares cos horarios laborais das familias; así como á conciliación do exercicio profesional das mulleres emprendedoras e empresarias coa vida persoal e familiar.

Participación activa das mulleres na sociedade
O sexto e último eixo, engloba 27 actuacións dirixidas a facer máis visible a presenza feminina nos diferentes ámbitos da vida pública e social, a través dunha maior difusión das vantaxes da diversidade e da colaboración en igualdade, así como das experiencias e capacidades reais de liderado das mulleres.

Neste apartado destaca o desenvolvemento de programas de estímulo á participación social e á visibilidade das mulleres en situación de especial vulnerabilidade; o fomento de programas de actividades por parte do movemento asociativo feminino que reforcen o principio de igualdade e favorezan o empoderamento e a participación das mulleres; ou a posta en marcha e desenvolvemento do Consello Galego de Mulleres como canle de participación efectiva destas na aplicación do principio de igualdade de xénero e na loita contra a discriminación.

965 lecturas