Entidades de iniciativa social reciben 916.000 euros da Secretaría da Igualdade para programas de apoio a mulleres en situacións de vulnerabilidade

Esta partida supón un incremento do 6,1% sobre a de 2010.

Son beneficiarias das axudas un total de 50 asociacións, ONGs e outras entidades sen ánimo de lucro que ofrecen asistencia básica e programas de apoio a mulleres en risco de exclusión.

Como novidade, Igualdade abonará un anticipo do 80% do importe das axudas, en atención ás especiais dificultades polas que están a pasar as entidades.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Igualdade concede este ano axudas por importe de 916.000 euros a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas destinados a mulleres en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión e programas de apoio a xestantes e lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos. A resolución desta convocatoria de axudas, publicada hoxe no DOG, beneficia a un total de 50 asociacións, ONGs e entidades sen ánimo de lucro, que traballan en Galicia para contribuir á igualdade de oportunidades das mulleres en situacións de dificultade, de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, así como a programas específicos de apoio a mulleres xestantes ou lactantes.

A contía deste ano supón un incremento do 6,1% sobre o pasado exercicio e vai permitir o desenvolvemento de proxectos de atención a colectivos como mulleres maiores que viven soas, emprendedoras, mulleres rurais, reclusas e exreclusas, mulleres con discapacidade ou inmigrantes. Inclúe programas de mantemento de centros de atención especializada a mulleres, recursos específicos de apoio para mulleres xestantes ou lactantes, recursos para mulleres en situación de risco ou proceso de exclusión social, recursos de apoio e acompañamento a vítimas de violencia de xénero e, en xeral, os dirixidos a mulleres en situación de especial discriminación ou desigualdade.

Como novidade, a Secretaría da Igualdade vai realizar este ano pagos anticipados ás entidades de ata o 80% do importe da subvención concedida, sen depósito de garantías, para paliar o esforzo que estas están a soportar e asegurar o normal funcionamento dos programas e recursos que desenvolven, considerando prioritaria a atención a estes colectivos de mulleres pola súa especial situación de vulnerabilidade.

1294 lecturas