DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA NA CELEBRACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de GaliciaConmemórase hoxe, 25 de novembro, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, baixo os auspicios das Nacións Unidas, unha data que debe de provocar unha reflexión sobre o valor universal da igualdade, como ben común.

A Xunta de Galicia quere convidar á consideración colectiva sobre o prezo inasumible que paga esta sociedade pola desigualdade. A desigualdade cobra vidas e soños, cobra cada ano as vidas de decenas de mulleres e os soños das súas fillas e dos seus fillos, das súas nais e pais, das súas amizades.

Unha análise dos acontecementos diarios, das estatísticas de violencia de xénero ou da desigualdade de oportunidades, lévanos a concluír que é, non xa necesario, senón urxente, construír un novo patrón de relación igualitario en substitución do tradicional, obsoleto e fracasado, que prexudica as mulleres pero tamén é insatisfactorio para os homes.

Os desaxustes e os fracasos que produce o actual patrón desigual deben obrigarnos, como colectividade, a repensar un novo modelo de relación, que sexa aceptado por todos e todas e que sexa gratificante para mulleres e homes.

Na construción dese novo modelo, a Xunta de Galicia desenvolve numerosas liñas de acción con criterio horizontal e interinstitucional, destinadas a estimular a corresponsabilidade de toda a sociedade e, especialmente, da xente máis nova, así como a ampliar a protección das vítimas, considerando neste grupo as mulleres e os menores. Porque o sufrimento produce tamén fondas feridas emocionais ás fillas e aos fillos que conviven en ámbitos familiares violentos, con consecuencias psicolóxicas e de socialización e, tal vez, de alta tolerancia futura ás situacións de violencia e de repetición das pautas interiorizadas como normais.

Neste proxecto común, a Xunta de Galicia agradece o traballo desenvolvido polas asociacións e entidades que colaboran na prevención, na sensibilización e na intervención nos casos de violencia de xénero e invita a todos os galegos e as galegas a incorporaren a cultura da igualdade como un ben común. Para que arraigue e prenda definitivamente na sociedade.

978 lecturas