DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA COMISIÓN DELEGADA DO CONSELLO DE COMUNIDADES GALEGAS EN APOIO Á CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA NO SEU 40 ANIVERSARIO

Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 13 de decembro de 2018.

O pobo galego é solidariedade, esforzo e traballo común. É unión e xenerosidade. Con esta vocación, os nosos pais e avós crearon e lograron manter activos os preto de douscentos centros galegos que hai espallados polo mundo.

“Irmandar” é probablemente a palabra que máis se repite nos estatutos da meirande parte das entidades que representamos. Estreitar os lazos, abrir Galicia ao mundo e difundir a cultura galega son os obxectivos que compartimos. O noso fin non é outro que converter cada recuncho no que hai un galego nun fogar para todos eles, para todos nós. 

A nosa vontade maioritaria segue a ser traballar en conxunto en lugar de camiñar en soidade e, por iso, non podemos compartir calquera iniciativa que promova ou facilite a división ou a rotura do noso país. En consecuencia, rexeitamos algunha das decisións que se están a tomar desde o Centro Galego de Bruxelas, ao que pedimos que reflexione sobre o seu papel e sobre a súa responsabilidade como parte da comunidade galega. 

A convivencia de Galicia, e de Galicia como parte de España, segue a estar garantida na nosa Constitución. Por iso, os membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas reafirmamos a nosa leal adhesión á Constitución española no seu 40 aniversario. 

A Carta Magna, ratificada o 6 de decembro de 1978, non constitúe unicamente o marco normativo que rexe as normas de convivencia entre todos os españois, senón tamén a expresión máxima de solidariedade e unión da diversidade de culturas, pobos e tradicións que ao longo da historia crearon un Estado sólido.

As catro décadas de vida da Constitución española supoñen a oportunidade perfecta para renovar o noso compromiso cos valores que defende e que permitiron a España, o noso país, preservar e fortalecer a súa democracia ao longo dos anos.

O clima de acordo e fraternidade, de vontade de avanzar, mellorar e sumar no que se fraguou este marco normativo, foi un referente –e aínda o é– para millóns de persoas que comprobaron con ilusión o dito imperecedoiro de que a unión fai a forza.  

En Barcelona, a 13 de decembro de 2018

244 lecturas