Miranda defende os valores de solidariedade, esforzo, traballo común, unión e xenerosidade das entidades galegas no exterior como exemplo para a diáspora

O secretario xeral da Emigración explica no Parlamento que todos os centros galegos do mundo, preto de 200, deben cumprir a Lei de Galeguidade.

O responsable do departamento autonómico achaca a defensa que o BNG fai do festival independentista no Centro Galego de Bruxelas ao inicio da súa carreira electoral ás europeas, ás que concorre con ERC.

O titular de Emigración pide que non se disfrace de evento cultural un acto puramente político contra a Constitución organizado pola produtora CAT-Global para recadar fondos para a causa separatista catalá.

Imaxe da intervención, esta mañá, do secretario xeral da Emigración no Parlamento de Galicia
Imaxe da intervención, esta mañá, do secretario xeral da Emigración no Parlamento de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, defendeu esta mañá os valores do pobo galego, “solidariedade, esforzo, traballo común, unión e xenerosidade”, como referente das entidades galegas de todo o mundo. Respaldaba así o responsable do departamento autonómico a declaración institucional realizada pola Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas trala súa reunión dos días 12 e 13 de decembro en Barcelona, na que tamén salientaron que “irmandar é probablemente a palabra que máis se repite nos estatutos da meirande parte das entidades que representamos. Estreitar os lazos, abrir Galicia ao mundo e difundir a cultura galega son os obxectivos que compartimos. O noso fin non é outro que converter cada recuncho no que hai un galego nun fogar para todos eles, para todos nós”.

“De aí que o Goberno galego teña tanto interese en apoialos con todos os seus medios ao seu alcance, tanto materiais como doutro tipo. As subvencións, as axudas económicas e o respaldo institucional ás entidades galegas no exterior son a principal misión da Secretaría Xeral da Emigración, departamento autonómico que dirixo. Por iso sei ben que a Administración autonómica leva décadas envorcando todos os seus esforzos en contribuír á permanencia e lonxevidade destes centros galegos”, engadeu Miranda. 

“É esta a principal razón da Estratexia Emigración 2020”, lembrou o secretario xeral da Emigración, “un documento coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración no que colaboran todos os departamentos do Goberno galego e que ten como unhas das súas principais finalidades coidar dos colectivos de galegos máis vulnerables que viven fóra das nosas fronteiras, ademais de reforzar os lazos que nun futuro permitan facilitar o retorno a aqueles que queiran regresar á súa terra de orixe, xa sexan emigrantes ou os seus descendentes. E a esta estratexia a Xunta de Galicia ten destinados máis de 16 millóns de euros”. Ademais, o Goberno galego vén de incrementar en máis dun 18% o orzamento para esta Secretaría para 2019, e un total dun 50% nos últimos tres anos.

Lanzamento electoral
O responsable de Emigración da Xunta de Galicia daba resposta, así, no Parlamento á pregunta formulada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), cuxa defensa do festival independentista celebrado no Centro Galego de Bruxelas achacou ao “lanzamento” da súa carreira electoral de cara ás europeas. O responsable do departamento autonómico lembrou durante a súa comparecencia que o partido liderado por Ana Pontón vén de anunciar recentemente que á súa coalición con EH-Bildu sumarase nesta convocatoria ERC, socio de goberno da Generalitat. 

Miranda advertiu de que resulta “fundamental para poder falar deste tema quitar as capas de falsa cultura coas que hai quen pretende disfrazar esta cuestión. E que é exactamente o que queren facer quen a defende co único obxectivo de facer política. O acto que acolleu a sala La Tentation o pasado 8 de decembro non era unha actividade cultural: tratábase dun acto organizado para recadar fondos para a causa independentista catalá liderada polos señores Torra e Puigdemont. Dino eles mesmos: o chamado 12 Hores per la Llibertad estaba organizado por CATGlobal, unha ASBL creada para recadar fondos para a creación dun suposto Consell per la República de Catalunya. A cambio do alugueiro da sala do Centro Galego de Bruxelas, este recibiu unha contía económica. Trátase, así, dun acto puramente político, non dun evento cultural ou social. A unha organización política ían dirixidos os fondos que se recadaron coa venda de entradas e foi un fugado da Xustiza española, Carles Puigdemont, quen se converteu no seu invitado de honra”, lembrou. E “todos os centros galegos do mundo, preto de 200, deben cumprir a Lei de Galeguidade”, recordou o cargo autonómico.

Constitución española e Estatuto de Autonomía
O secretario xeral da Emigración, quen amosou un exemplar da Constitución española e outro do Estatuto de Autonomía de Galicia para salientar que calquera debate ou manifestación pública debe facerse dentro do marco normativo español, lembrou que Valtonyc, condenado pola Xustiza española, queimou unha foto do Rei e ultraxou a bandeira de España. 

230 lecturas