Cultura e Turismo inclúe 33 xacementos megalíticos con manifestacións de arte rupestre no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia como Bens de Interese Cultural

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se acorda dar publicidade á relación de xacementos megalíticos con arte rupestre e se ordena o asento dos mesmos no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural pola que se acorda dar publicidade á relación dos 33 xacementos megalíticos con manifestacións de arte rupestre e se ordena o asento dos mesmos no inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural. O obxectivo desta resolución é garantir que estes xacementos gocen dunha protección real e axeitada á súa categoría legal e sexan protexidos adecuadamente nos catálogos de planeamento urbanístico.

O artigo 40.2 da Lei 16/1985, do 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español establece que quedan declarados Bens de Interese Cultural por ministerio desta Lei as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre. Pola súa banda, a disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia declara, na súa disposición adicional primeira, que todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que fosen declarados de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta Lei pasarán a ter a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes. Deste xeito, toda manifestación de arte rupestre encóntrase encadrada dentro do xogo normativo destas dúas disposicións, do que se deriva a plena aplicación do réxime de bens de interese cultural.

Deste xeito, o Servizo de Planeamento e Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural achegou a relación tecnicamente fundada dos 33 xacementos megalíticos con arte rupestre, para a súa corroboración en relación a aqueles que se atopan no ámbito territorial da súa competencia. Esta relación poderá completarse no futuro na medida en que aparezan novos xacementos coas mesmas características.

De outra banda, débese de ter en conta que este tipo de creacións constitúen unha nova fonte de coñecemento do modo de vida das comunidades neolíticas de Galicia, aportando datos inéditos con respecto a economía dos grupos de construtores como por exemplo a existencia de gandería bovina, xa que estas manifestacións de arte foron realizadas con pigmentos e óxidos naturais como carbón, ferro ou caolín nunha base de graxa animal. Por esta razón, a conservación das manifestacións de arte rupestre megalítico revélase como un medio para protexer unha fonte de coñecemento histórico.

28 cámaras megalíticas e 5 pedras fitas
Entre os 33 xacementos megalíticos con manifestacións de arte rupestre que se integran no Rexistro de Bens de Interese Cultural contabilízanse 28 cámaras megalíticas e 5 pedras fitas ou menhires.

Na provincia da Coruña enuméranse as cámaras megalíticas da Arca do Barbanza e da Casota do Páramo en Boiro; a Anta da Mina de Parxubeira en Mazaricos; a Cova da Moura ou Dolmen de Argalo en Noia; o Forno dos Mouros en Toques; a Casa dos Mouros ou Pedra da Arca na zona entre Vimianzo e Dumbría; a Arca da Piosa ou Pedra da Arca entre Vimianzo e Zas; e a Anta de Serramo ou Pedra da Lebre, a Casota de Berdoias, a Pedra Cuberta e a Pedra da Moura integramente no Concello de Vimianzo. Asemade inclúese o Menhir de Cristal ou Bretal en Ribeira.

Dentro da provincia de Lugo, inclúense neste rexistro de BICs os xacementos da Medorra número 1 de Acebedo en Outeiro de Rei e a Roza das Modias en Vilalba como cámaras megalíticas; así como o Menhir do Alto da Goia de Guntín e a Pedra de Chantada de Vilalba como pedras fitas. Na provincia de Ourense figuran a Mámoa número 1 da Serra das Motas de Lobeira e a Mota Grande número 1 de Verea como cámaras megalíticas; e a Pedra Alta de Cortegada ou Pedra Grande de Antela nos Concellos de Sarreaus, Vilas de Barrio e Xunqueira de Ambía como menhires ou pedras fitas.

Na provincia de Pontevedra inclúense as cámaras megalíticas de As Namelas 2 e 3; a Chaira do Medio e a Mámoa dos Muíños en Agolada; a Mámoa da Cruz en Lalín, o Chan de Castiñeiras 2 ou Mámoa de Pedralonga en Marín; a Casiña da Moura en Meis; o Chan de Arquiña en Moaña; a Anta do Meixueiro ou Meixoeiro en Mos; o Coto dos Mouros en Rodeiro; a Mámoa do Rei ou Chan de Castiñeiras 1 en Vilaboa; e a Anta 1 Chan dos Touciños, a Casa dos Mouros e a Mámoa do Monte Vixiador en Vigo. Asemade, tamén é obxecto de catalogación BIC o menhir da Lapa de Gargantas no Concello de Moraña.

Doutra banda, é necesario recordar que os elementos megalíticos do Dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños (A Coruña), o Dolmen de Cabaleiros en Tordoia (A Coruña) e o Dolmen de Axeitos en Ribeira (A Coruña) non entran nesta relación de xacementos porque xa posúen unha declaración singular.

1436 lecturas