Cultura e Educación, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, presta un debuxo de Federico García Lorca para a exposición ‘Back Tomorrow: A Poet in New York’

Trátase da obra titulada “Hombre y joven marinero” debuxada por Lorca en 1929 e que pertence á colección pictórica do premio Nobel padronés que se conserva en Iria Flavia.

A exposición ‘Back tomorrow: A poet in New York. Federico García Lorca’, organizada pola Fundación Federico García Lorca, Acción Cultural Española (AC/E) e The New York Public Library, mostra por primeira vez manuscritos, cartas, debuxos e diversos documentos relacionados cun dos libros de poesía máis influentes do século XX, na cidade onde xurdiron os poemas.

Coa mostra que acollerá a New York Public Library inaugúrase o programa de actividades deseñado para celebrar a pegada que deixou esta obra, que contará cunha trintena de actos entre representacións artísticas, concertos, lecturas e conferencias.

  • ‘Back tomorrow: A poet in New York. Federico García Lorca’
    ‘Back tomorrow: A poet in New York. Federico García Lorca’
  • Federico García Lorca
    Federico García Lorca
Listen to this page using ReadSpeaker
Iria Flavia (A Coruña), 4 de abril de 2013.

Back Tomorrow: A poet in New York. Federico García Lorca, organizada pola Fundación Federico García Lorca, Acción Cultural Española (AC/E) e The New York Public Library, é a exposición coa que se inaugura o próximo 5 de abril o programa de actividades Lorca in New York: A Celebration deseñado para homenaxear esta primavera a obra do poeta español. Na mostra exporase o orixinal prestado pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela, Hombre y joven marinero, un debuxo realizado por Federico García Lorca en 1929.

Comisariada por Christopher Maurer e Andrés Soria Olmedo, esta mostra amosa o proceso creativo que Lorca seguiu na composición de Poeta en Nueva York e faino a través de 60 pezas entre manuscritos de primeiros borradores e copias en limpo, libros raros, alegres cartas que enviaba á súa familia mentres os escribía, efectos persoais como o pasaporte, a guitarra ou o caderno de aforros, debuxos e fotografías. Por primeira vez amosarase ao público parte do manuscrito da súa obra acompañado polos debuxos que o granadino realizou durante a súa estadía na cidade estadounidense, entre os que se encontra o cedido pola Fundación de Iria. Ademais poderán verse importantes documentos da New York Public Library, entre outros, manuscritos de Walt Whitman e T.S. Eliot.

Nado en Granada en 1898 e asasinado por un pelotón de fusilamento franquista en 1936, na súa corta vida Lorca creou algúns dos poemas e obras de teatro máis admirados e perdurables da historia da literatura en español. Lorca in New York: A Celebration céntrase nun período breve pero prolífico da vida do escritor, nos anos 1929 e 1930. Lorca viaxou a Nova York nun momento vital crítico: tíñase distanciado hai pouco do seu amigo íntimo Salvador Dalí, estaba obsesionado e doído pola ruptura dunha relación amorosa e loitaba por ser coherente, na súa condición de homosexual, coa imaxe de figura pública que, por entón, xa era. A metrópole axudoulle a poñer distancia física e emocional coa súa terra e o seu desamor e a escribir un dos poemarios imprescindibles da poesía contemporánea española. Matriculouse na Columbia University e recorreu Nova York desde Harlem (“a cidade negra máis importante do mundo”) a Wall Street, onde sería testemuña do crack de 1929.

En xullo de 1936, tras anos de meditar sobre o título, o contido e a estrutura do seu poemario, Lorca levou o manuscrito á editorial do escritor Xosé Bergamín. Pero ese día o seu amigo estaba fóra do despacho, de xeito que Lorca deixou as súas cuartillas cunha nota que dicía “volverei mañá”. Uns días despois estalou a Guerra Civil española. No prazo dun mes, Lorca progresista, próximo ao socialismo, asinante de varios manifestos de apoio á Fronte Popular e odiado pola súa homosexualidade foi arrestado e executado por orde dun dos xenerais de Franco.

Cando en 1940 finalmente se publicou Poeta en Nueva York, estes versos terminarían por cambiar o rumbo da poesía tanto en España como en América. Todo isto queda explicado en Back Tomorrow: A poet in New York. Federico García Lorca, onde se detallan as causas que motivaron a súa viaxe, os paseos polas rúas de Manhattan, a asistencia ás aulas de Columbia, a procura do “duende” na cultura neoiorquina, o espertar ante a sociedade masificada da realidade industrial na gran cidade, a acollida que sentiu en Harlem, o horror de Wall Street de 1929, a escapada a Cuba, o proceso de escritura e as ilustracións paralelas e incluso o largo e difícil camiño cara a publicación. Toda esta complexa evolución e os seus implicacións están presentes nesta mostra que poderá verse até o próximo 20 de xullo.

Lorca in New York: A Celebration
O programa Lorca in New York: A Celebration componse dunha trintena de actividades que se desenvolverán entre o 5 de abril e o 20 de xullo de 2013 en diferentes espazos de Manhattan. Moitos destes encontros afondarán en aspectos diversos de Poeta en Nueva York. Paralelamente, publicarase unha nova edición do poemario aumentada e revisada co selo editorial Farrar, Straus and Giroux.

Coincidindo coa exposición na New York Public Library, a Fundación Federico García Lorca e Acción Cultural Española (AC/E), coa colaboración da Fundación La Caixa e numerosas institucións públicas e privadas estadounidenses, organizarán diversas actividades pola cidade para fomentar a difusión dos versos do autor. Co encontro de lecturas poéticas Young Spanish-speaking poets of New York read Lorca in Spanish and English, que terá lugar no Bowery Poetry Club o 7 de abril, o público gozará dos versos lorquianos lidos por mozos poetas. O 8 de abril descubrirase unha placa conmemorativa na Columbia University, acto acompañado dunha conferencia de Gonzalo Sobejano. O día 9 celebrarase a mesa redonda American Lorca no King Juan Carlos I Center e o encontro de jazz The Concert for García Lorca, interpretado polo pianista Ben Sidran. O día 16 inaugurarase a exposición Echoes of Eden. Federico García Lorca and Philip Cummings in Vermont e unha performance da artista Joan Jonas en CUNY. Este programa culmina con dous espectáculos: o 4 de xuño, a dramatización da conferencia Un poeta en Nueva York que o poeta granadino ditou tras o seu regreso da “cidade dos soños”, interpretada por Will Keen baixo a dirección de María Ache, e un encontro de artistas, músicos, escritores e escritoras en torno á palabra de Federico García Lorca no prestixioso programa dirixido por Paul Holdengräber, LIVE from the NYPL. E o 5 de xuño, día do aniversario de Federico García Lorca, terá lugar un concerto de Patti Smith no Bowery Ballroom.

Para obter fotos da exposición: https://www.dropbox.com/sh/uv62giegwvzws72/gSkruJ0lbh?m (ver pes de foto en arquivo Word adxunto)

Para máis información:

www.lorcanyc.com / www.garcia-lorca.org / www.accioncultural.es

1105 lecturas