Cultura e Educación e mais a Universidade de Vigo presentan o ‘Dicionario moderno inglés-galego’

O secretario xeral de Política Lingüística deu a coñecer hoxe esta novidosa ferramenta lexicográfica publicada por 2.0 Editora.

O dicionario abrangue 20.000 palabras de uso frecuente no inglés, con 30.000 correspondencias en galego baseadas en traducións reais, que incorporan o seu contexto de uso.

‘Dicionario moderno inglés-galego’
‘Dicionario moderno inglés-galego’
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2012.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou esta mañá na presentación oficial do Dicionario moderno inglés-galego, o primeiro gran dicionario bilingüe elaborado por un equipo de especialistas en lexicografía da Universidade de Vigo (UVigo), en colaboración co departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez Abad, e publicado por 2.0 Editora.

No acto de presentación, que tivo lugar no Edificio da Reitoría da UVigo, acompañaron o secretario xeral na mesa o reitor da universidade, Salustiano Mato; o director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Paulo Cabral; o director de 2.0 Editora, Antón Lado; e mais Alberto Álvarez Lugrís, co-autor do dicionario. García Gómez fixo fincapé no reforzo das relacións interinstitucionais que fan posible logros tan importantes como este, a publicación dunha obra fundamental para o galego que “nace como resultado da conxunción de motivacións, esixencias, empeños e esforzos corais”.

Importancia da investigación lingüística
O secretario xeral destacou tamén as calidades do novo dicionario “cheo de virtudes admirables que foi realizado conforme aos criterios lexicográficos máis actuais” e incidiu na importancia que a investigación lexicográfica e terminolóxica ten para a nosa lingua, xa que “o galego debe posuír os recursos lingüísticos e técnicos que fagan del un idioma útil na totalidade dos múltiples e complexos ámbitos nos que se estrutura a vida moderna”.

O obxecto do establecemento desta colaboración entre a Consellería, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Universidade de Vigo foi dotar ao público en xeral dunha ferramenta bibliográfica que facilite a tradución e a redacción de textos directamente do inglés ao galego, debido ao gran fluxo de información que cada vez se manexa partindo da lingua inglesa.

Fomento da lingua galega cun manexo práctico do inglés
O Dicionario moderno Inglés-Galego é o resultado dun proxecto que membros do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo comezaron a desenvolver hai máis de cinco anos e que agora se edita en papel por primeira vez con 20.000 palabras de uso frecuente no inglés, 30.000 correspondencias en lingua galega e 60.000 exemplos de uso. Trátase do primeiro gran dicionario práctico bilingüe inglés-galego, da autoría de Xavier Gómez Guinovart, Alberto Álvarez Lugrís e Eva Díaz Rodríguez, unha nova obra lexicográfica imprescindible que contribúe a prestixiar e fomentar a nosa lingua.

Unha publicación con traducións contrastadas
Os dicionarios modernos caracterízanse por empregar exemplos reais, completos, contextualizados e identificados que axudan a explicar cada unha das entradas descritas. Esta é unha característica innovadora que se aplicou na elaboración do Dicionario moderno inglés-galego.

A diferenza doutras obras lexicográficas anteriores, os lemas do Dicionario moderno están exemplificados con citas tiradas de usos auténticos da lingua. Todas as palabras inglesas que aparecen como entradas nesta obra foron extraídas de textos orixinais ingleses. Do mesmo xeito, as súas equivalencias galegas son traducións reais identificadas para esas entradas nos textos galegos correspondentes. O feito de basear as equivalencias inglés-galego do dicionario en traducións documentadas permite ilustrar cada equivalencia cun exemplo real do seu contexto de uso.

935 lecturas