A Xunta de Galicia lanza a campaña ‘Redes sociais en galego’, para dinamizar a lingua galega no ciberespazo

A iniciativa foi presentada hoxe por representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Deste xeito apoiase ás diferentes mobilizacións internautas que teñen por obxectivo acadar a galeguización das redes sociais

Administración autonómica súmase á recolleita de sinaturas de petición da opción en galego do coñecido Twitter

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a Directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa
    O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a Directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a Directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa
    O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a Directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa
Listen to this page using ReadSpeaker

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, presentou hoxe a nova campaña de dinamización lingüística no ciberespazo: Redes sociais en galego. Trátase dunha iniciativa que quere apoiar diferentes mobilizacións internautas xurdidas a prol da galeguización das redes sociais e mais unha nova vía para alcanzar os obxectivos recollidos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación.

No acto de presentación, que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, participaron os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García respectivamente; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o escritor Xosé Neira Vilas; o actor Rubén Riós; o impulsor da iniciativa Twitter en galego, XA!, Ian Vázquez; a escritora e presentadora do programa de televisión Cifras e Letras, María Canosa; a actriz María Mera e mais as gañadoras do certame You Tube Space Lab, María Vilas e Laura Calvo.

O secretario xeral de Política Lingüística explicou a importancia de “situar o galego como lingua de referencia nas redes sociais, nomeadamente nas xeracións máis novas, que son as que máis as empregan, pero tamén nas outras”, para o cal “é necesario acadar a galeguización das redes sociais que a día de hoxe aínda non contan cunha versión en galego”.

“Desde a Xunta de Galicia apoiamos hoxe publicamente a iniciativa internauta Twitter en galego, XA!, que leva recollidas a día de hoxe máis de 2000 sinaturas en favor da versión galega da coñecida rede social” sinalou Valentín García, que pechou a súa intervención animando a todos e a todas as galegas a asinar persoalmente a súa solicitude en http://www.change.org/es/peticiones/twitter-en-galego-xa?utm_campaign=sh...

Pola súa banda, directora da Amtega sinalou que desde Axenda Dixital de Galicia 2014.gal se está a apoiar a construción dunha Comunidade con identidade de seu na era dixital, que difunda a nosa cultura tanto dentro como fóra de Galicia e favorece a presenza da súa riqueza cultural, patrimonial, lingúísitca e social en Internet. Neste sentido a directora da Amtega destacou o apoio da Xunta a creación do dominio “.gal” na Rede e nesta mesma liña, sinalou, “apoiamos a iniciativa dun Twitter en galego porque a lingua e a cultura teñen que ir da man dos avances da rede”.

Campaña en Twitter
Os usuarios do Twitter, a rede social pensada para as mensaxes breves, iniciaron hai uns meses unha campaña para conseguiren unha versión en galego, que xa existe noutras plataformas deste tipo orixinadas fóra de Galicia, coma Facebook ou Tuenti.

A reivindicación xurdiu cando se constatou que Twitter, seguindo os pasos de Facebook, decidiu autorizar os usuarios para faceren a tradución a linguas coma o éuscaro e o catalán, pero non ao galego.

Redes sociais galegas
Outras redes sociais que funcionan en galego son as que se crearon dende Galicia. A máis veterana é Cabozo, xurdido no 2007 e con preto de 7.000 usuarios. Elaborada con código propio, funciona integramente en galego e está dirixida á sociedade galega, manténdose aberta a persoas doutras partes de España e do mundo (Alemaña, México, Brasil, Portugal, Arxentina...).

No ano 2010 creouse, a partir de código xa existente de libre distribución, a rede social Latri.ca, que segue o modelo de Twitter. O obxectivo dos seus creadores foi ofrecerlle unha ferramenta a persoas que “tivesen un nexo de unión común, que falasen en galego ou se atopasen en Galicia, unha maneira máis sinxela de poder atopar xente máis próxima a ti”. Actualmente conta con máis de 1.000 seguidores.

Ademais destas redes sociais de carácter xeneralista, existen outras especializadas, coma Redelibros –centrada na literatura e dirixida a profesionais do ámbito literario e mais lectores anónimos- Ikimap -que se ocupa do intercambio e das consultas de mapas de todo o mundo entre os seus máis de 4.000 usuarios- ou Redeiras, unha rede social destinada ao profesorado e impulsada pola Consellería de Cultura e Educación.

Toda a información en www.xunta.es/linguagalega e mais no Twitter da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

1053 lecturas