Vázquez Abad viaxará a Bos Aires cunha axenda centrada na promoción do idioma, a extensión cultural e o traballo a prol das industrias culturais galegas

A viaxe institucional procurará o achegamento e traballo conxunto nos eidos educativo, cultural e de promoción do idioma coa importante comunidade galega de Bos Aires.

Durante cinco dias o titular de Cultura e Educación visitará as principais institucións da emigración, asinará diversos convenios con universidades porteñas e manterá encontros coas autoridades educativas e culturais tanto da cidade coma do Estado.

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2013.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará unha viaxe de traballo á capital arxentina entre o xoves 2 e o luns 6. Nesta visita Xesús Vázquez Abad manterá distintas reunións tanto con representantes da comunidade galega, como con axentes e representantes políticos da cultura e da educación do país americano. Asemade, está previsto que o responsable de Cultura e Educación asine dous convenios coa Fundación da Universidade de Belgrano e coa Universidade de Bos Aires, vinculados co estudo do galego e a programación de actividades de extensión cultural. O conselleiro estará acompañado nesta viaxe institucional polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O conselleiro visitará tamén diversos lugares simbólicos para a comunidade galega emigrante de Bos Aires como o parque Rosedal, o parque de Olivos, os grandes murais de Seoane ou o mausoleo galego do cemiterio da Chacarita. Doutra banda, acudirá a distintos centros e institucións culturais e educativas de gran relevancia como son o Museo da Emigración Galega na Arxentina, a Fundación Galicia América ou o Centro Galicia, entre outros.

Así tamén, o titular de Cultura e Educación reunirase con responsables da Federación Unión de Sociedades Gallegas, para coñecer de primeira man a situación das distintas sociedades e avanzar en posibles vías de colaboración nos ámbitos da lingua, a cultura e a educación, estreitando aínda máis os lazos que nos unen coa Galicia da diáspora. Nesta viaxe institucional pretendese abrir un diálogo que permita o establecemento dun futuro marco de colaboración entre as e os axentes e industrias culturais e creativas arxentinas e galegas.

708 lecturas