A Rede de Dinamización Lingüística crea un seminario de formación para impulsar pautas comúns no fomento do galego

Esta iniciativa, dirixida á representación técnica da Rede, preséntase como un espazo dedicado á formación continuada e específica na promoción do idioma

O seu obxectivo é establecer dinámicas de traballo en todo o territorio de Galicia para promover a dinamización do galego de forma coordinada e planificada

O I Seminario de Formación Permanente da Rede de Dinamización Lingüística realizarase o 16 de decembro na EGAP

Listen to this page using ReadSpeaker

Técnicos e técnicas da Rede, nunha xornada de traballo o pasado mes de novembro A Rede de Dinamización Lingüística dá novos pasos para avanzar na extensión social do galego desde o ámbito local. Con este fin, pon en marcha un seminario de formación específica en dinamización do galego dirixido á representación técnica das entidades adheridas á Rede. Trátase do I Seminario de Formación Permanente da Rede de Dinamización Lingüística, que terá lugar o 16 de decembro na Escola Galega de Administración Pública (Egap), en Santiago.

Esta xornada de traballo preséntase como un espazo dedicado á formación que permita ofrecerlles ás técnicas e aos técnicos da Rede pautas de traballo comúns e eficaces para promover a extensión do galego en todo o territorio de Galicia. Para acadar este obxectivo, o seminario conta coa participación de diversos profesionais galegos e de fóra da comunidade con experiencia nesta materia, que afondarán nos conceptos, fases, estratexias e ferramentas da planificación e da dinamización lingüística.

As claves do proceso de dinamización lingüística
Co fin de favorecer o desenvolvemento das funcións que ten encomendada a Área Técnica da Rede, o seminario inclúe, por unha bada, contidos específicos sobre planificación lingüística desde as entidades locais, dos que falará o politólogo Xaime Subiela, e tamén sobre o proceso de dinamización lingüística, desde a planificación globlal á aplicación específica, que será presentado polo coordinador de dinamización do Centre de Normalització Lingüística de Girona, do Consorci per a la Normalitació Lingüística.

Por outra banda, a xornada de formación ofrecerá ferramentas de utilidade para o labor de promoción social do galego. A coordinadora técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, Susana Mayo, será a encargada de presentar diverso material de referencia para a dinamización lingüística desde o ámbito local, mentres que a empresa Tagen Ata Lingua e Comunicación informará sobre as posibilidades que ofrecen as ferramentas tecnóloxicas para favorecer dinámicas de colaboración na promoción do uso do galego.

Os 93 técnicos e técnicas da Rede de Dinamización Lingüística, que representan a todos os seus membros (88 concellos de toda Galicia, tres mancomunidades, a Deputación Provincial de Ourense e o Consello da Cultura Galega) están convocados a participar neste seminario de formación.

A Rede amplía a súa actividade formativa
A Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coas entidades locais de Galicia promoven a través da Rede un novo modelo de dinamización lingüística desde o ámbito municipal. Este novo modelo, baseado en prodecementos planificados e coordinados, busca garantir un resultado eficaz e eficiente das actuacións de fomento do galego.

A través de iniciativas de formación dirixidas aos seus técnicos e técnicas, a Rede busca estender estas pautas de traballo de traballo en todo o territorio de Galicia. Deste xeito, no pasado mes de xuño puxo en marcha a primeira destas accións de formación, o Seminario de Iniciación á Dinamización da Lingua Galega desde as Entidades Locais, no que se abordaron os aspectos básicos do proceso de formento do galego. Agora, a Rede dálle continuidade e amplía á súa actividade formativa en dinamización lingüística a través do I Seminario de Formación Permanente.

A Rede en internet
No sitio web http://www.xunta.es/linguagalega/rede_de_dinamizacion_linguistica está dispoñible toda a información sobre a Rede de Dinamización Lingüística e o seu I Seminario de Formación Permanente.

1002 lecturas