Conde subliña en Londres os avances das empresas galegas no Reino Unido, cara a onde medraron as exportacións nun 24%

O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro con empresariado galego na sede da plataforma Pexga en Londres, que ten prestado máis de 1.200 servizos a 200 compañías galegas.

Na reunión participaron representantes de compañías galegas con presenza neste mercado como Bimba&Lola, Finsa, Plexus, Televés ou Norvento.

Salientou o gran esforzo que están a facer as empresas galegas por introducirse neste mercado.

O Reino Unido é o quinto destino das exportacións galegas, sendo a alimentación, as TIC, o comercio electrónico, a construción ou o contract algúns dos sectores con maiores oportunidades para as empresas da Comunidade.

Listen to this page using ReadSpeaker
Londres (Reino Unido), 11 de outubro de 2013.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director do Igape, Javier Aguilera, mantiveron un encontro con empresas galegas con presenza no Reino Unido na sede da oficina Pexga en Londres, que está a desenvolver un importante papel na internacionalización das compañías galegas neste mercado, prestando desde a súa posta en marcha en abril de 2012 máis de 1.200 servizos a preto de 200 empresas galegas.

O mercado británico é o quinto destino das exportacións da Comunidade, que no que vai de ano suman 432 millóns de euros, o que supón un incremento de máis do 24% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, no que vai de 2013 rexistráronse 350 empresas exportadoras galegas a este país, un 3,6% máis que o mesmo período do ano pasado.

Na reunión o conselleiro salientou o gran esforzo que están a facer as compañías galegas por abrirse mercado no Reino Unido e puxo á súa disposición as distintas ferramentas e apoios coas que conta o Goberno galego, desde o Igape e a Axencia Galega de Innovación, para respaldar os seus proxectos e reforzar a imaxe de Galicia no exterior.

Entre as empresas que participaron no encontro estaban compañías cun longo percorrido no Reino Unido, como Finsa ou Televés, con máis de 20 anos de presenza no Reino Unido, e outras que están a iniciar con éxito os seus negocios neste territorio, como a lalinense Inasus, que está a traballar no proxecto de ampliación do aeroporto de Heathrow e na construción dun hospital en Belfast.

Outras das empresas participantes na reunión, que contou coa presenza do conselleiro comercial da Oficina Económica e Comercial de España en Londres, Odón Pallas, foron a tecnolóxica Plexus, que conta co apoio do plan Primex para a súa implantación comercial; a coruñesa Netex, que está a traballar no eido do ensino a distancia con escolas e universidades no Reino Unido, e outras como Salina Trading, Galician Drop, Bimba & Lola, Norvento, VOD Quality Spirits, Mundialengua ou Novagalicia Banco.

Durante o encontro avaliáronse tanto as oportunidades do mercado británico para as empresas galegas, en ámbitos como a alimentación, as TIC, o comercio electrónico ou a construción, servizos de consultaría ou no sector contract, así como as principais dificultades das compañías galegas para introducirse no mesmo, e as diferentes necesidades e posibilidades de financiamento.

O conselleiro de Economía e Industria felicitou ao empresariado participante na reunión e agradeceu o seu traballo por ser quen de introducir a marca Galicia nun mercado como o de Reino Unido e animouno a seguir cultivando a cultura emprendera dentro e fóra das nosas fronteiras.

1162 lecturas