Economía e Industria achega ás empresas galegas as novas oportunidades de negocio en México

O director do Igape, Javier Aguilera, participa nunha xornada técnica sobre un mercado ao que xa exportan máis 400 empresas galegas.

As exportacións galegas a este país norteamericano sumaron o ano pasado máis de 222 millóns de euros, un 40% máis que o ano anterior.

México é o mercado internacional onde se están a desenvolver un maior número de proxectos de cooperación apoiados a través do programa Primex.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2014.

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe, na súa intervención na xornada técnica sobre as oportunidades de negocio para as empresas galegas en México, que o pasado ano exportaron a este país máis de 400 compañías da comunidade, sumando máis de 222 millóns de euros, un 40% máis que o ano anterior.

No encontro, que se desenvolveu esta mañá en Santiago contando coa participación de numerosas e numerosos expertos, Aguilera subliñou que o potencial deste mercado e as súas condicións para servir como porta de entrada cara a Estados Unidos e o resto de América Latina fan que se manteña como obxectivo prioritario da Xunta para incrementar a proxección exterior das empresas galegas.

De feito, México é o mercado internacional onde se están a desenvolver un maior número de proxectos de cooperación apoiados polo Igape a través do Programa Primex. Un total de 8 proxectos están en diferentes fases de desenvolvemento nese país, coordinando a implantación comercial no exterior de 34 empresas de sectores como consultoría e enxeñaría, construción, automoción ou alimentación.

As empresas galegas con interese por exportar ou por implantarse no mercado de México contan con servizos de apoio en orixe, a través do Igape, e en destino, principalmente a través da plataforma empresarial da Rede Pexga. Tamén poden contar coa colaboración de UMEGAL, a asociación do empresariado de orixe galega nese país.

Durante a xornada desenvolvida hoxe en Santiago houbo relatorios sobre as oportunidades concretas que as empresas galegas poden encontrar en sectores como a agroindustria, compoñentes de automoción, metalmecánico, enerxías, servizos de enxeñaría e servizos TIC, entre outros. Tamén se desenvolveron relatorios específicos sobre as mellores estratexias de acceso ao mercado mexicano, impartidas por consultores especializados, e sobre os servizos de apoio á internacionalización do Igape.

No encontro participou ademais o director xeral da empresa Marsan Transformaciones Superficiales, que compartiu coas e cos empresarios asistentes a experiencia de implantación da compañía en México.

707 lecturas