Conde salienta en Lima que as empresarias e os empresarios galegos no exterior son “os auténticos embaixadores da Marca Galicia”
Na súa visita a Perú o conselleiro de Economía e Industria avanza na identificación de novas oportunidades de negocio para as empresas galegas en sectores como o téxtil, a construción, a consultaría, a pesca e a viticultura.
Destaca nun encontro con empresarias e empresarios galegos na Cámara Española de Comercio en Perú “o papel clave da galeguidade empresarial na internacionalización.
Conde reuniuse coa axencia estatal Promperú para estudar posibles colaboracións co Igape e afianzar así as relacións comerciais entre Galicia e o país americano.
O alto desenvolvemento económico do país fai que a Xunta estea a valorar a apertura dun novo punto da Rede Pexga en Lima.
O conselleiro mantivo unha xuntanza con Fidel Jaramillo, representante en Perú do Banco Interamericano de Desenvolvemento, que ten un importante peso na economía peruana.
O conselleiro de Economía e Industria, que avanza en Perú na identificación de novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial de Galicia, mantivo un encontro en Lima con representantes de empresas galegas como GOC, Iceacsa, San José, Vieira ou Civis Global. Nesta xuntanza, Francisco Conde salientou a “necesaria participación da galeguidade empresarial no exterior na construción económica de Galicia”, clave nos procesos de internacionalización, “non só para abrir camiño e ofrecer axuda a aqueles que desexen internacionalizarse, senón tamén como xeradores de investimento directo na nosa comunidade”. Neste sentido, sinalou que as empresarias e os empresarios galegos no exterior son “os auténticos embaixadores da Marca Galicia”.
No encontro celebrado na Cámara Oficial Española de Comercio en Perú, no que tamén participaron representantes de varias empresas españolas con presenza neste país, Conde salientou que Galicia “é unha terra atractiva e competitiva, que ten clara a súa folla de ruta cara o futuro”.
Durante a xuntanza as e os empresarios galegos trasladaron ao conselleiro as súas inquietudes e as distintas dificultades coas que se atopa unha empresaria ou un empresario interesado en internacionalizarse e implantarse en Perú. O conselleiro fixo referencia á importancia do "efecto arrastre" e referiuse aos distintos instrumentos que a Xunta pon á súa disposición, tanto económicos como de asesoramento, para axudalos e axudalas nas súa saída ao exterior.
Neste eido, o interese que está suscitando Perú e o seu forte desenvolvemento económico está facendo que a Xunta valore a posibilidade de instalar unha nova plataforma empresarial da Rede Pexga en Lima. Perú medra por riba da media do seu entorno, máis do 5% de media anual. A este país máis de 300 empresas galegas exportaron o ano pasado, un 20% máis que en 2011, con exportacións por un total de preto de 79 millóns de euros en 2012. Entre os principais sectores con potencial para as relacións comerciais entre Perú e Galicia destacan o téxtil, a pesca e a viticultura, así como a construción ou a consultoría.
Colaboración con Promperú
Na súa estancia a Lima o conselleiro de Economía e Industria tamén visitou Promperú, a Comisión de Promoción de Perú para a Exportación e o Turismo, dependente do Ministerio de Comercio Exterior e Turismo do país. Nesta institución reuniuse co director da Área de Promoción de Exportacións, Luis Torres Paz, con quen Conde estudou a posibilidade de establecer colaboracións entre esta axencia e o Igape en materia de internacionalización, poñendo en marcha diferentes actuacións para afianzar as relacións comerciais e os investimentos entre Galicia e Perú. Do mesmo xeito, tamén se avaliaron estratexias de cooperación, especialmente a través dos grupos de cada territorio para a busca de oportunidades de negocio e colaboracións conxuntas.
Reunión co Banco Interamericano de Desenvolvemento
Precisamente para afondar na cooperación entre Galicia e Perú Francisco Conde mantivo un encontro con Fidel Jaramillo, representante neste país do Banco Interamericano de Desenvolvemento, principal fonte de financiamento multilateral para o desenvolvemento económico, social e institucional sostible de América Latina e o Caribe e que ten un importante peso na economía peruana.
Dentro do 'Fellowship and Associates Program' están agora mesmo a colaborar no BID un total de 7 mozas e mozos galegos, unha delas en Perú, grazas a unha convocatoria posta en marcha polo Igape.
Novas relacionadas