Conde resalta que a viaxe a México e Panamá permitiu constatar as oportunidades de negocio de “dous países nos que as exportacións galegas medran desde 2010”

O conselleiro de Economía subliña que o bo traballo das empresas galegas e o reforzo da imaxe de Galicia no exterior facilitaron que a Comunidade acadara o seu récord histórico exportador en 2013.

Apunta que a viaxe serviu para dar a coñecer as potencialidades de Galicia a preto de 1.000 empresarios e reunirse coas Asociacións de Empresarios Galegos en ámbolos dous países

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2014.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante unha intervención no Parlamento, a importancia da internacionalización do tecido empresarial de cara a retornar a senda do crecemento económico. Neste sentido, Conde apuntou que a recente viaxe institucional a México e Panamá permitiu constatar as oportunidades de negocio nos dous países nos que máis empresas galegas apoiou a Xunta para a súa primeira implantación, e nos que as exportacións galegas medran de xeito ininterrompido desde 2010.

Así, o titular de Economía e Industria sinalou que o bo traballo das empresas galegas xunto co reforzo da imaxe de Galicia no exterior facilitaron que a Comunidade obtivese o seu récord histórico exportador en 2013, acadando os 18.400 millóns. “De non terse producido este incremento, a caída do PIB per cápita tería sido dúas veces maior no conxunto do período recesivo”, incidiu Conde.

Neste contexto, o conselleiro sinalou que a viaxe a México reforzou as relacións con Pemex, que abriron grandes oportunidades de negocio para o sector naval. Ao mesmo tempo, os encontros mantidos en Panamá destacaron as posibilidades que ofrecería unha alianza estratéxica entre o Canal de Panamá e os portos galegos de cara a aproveitar o potencial de Galicia como plataforma loxística intermodal do arco atlántico europeo. Unha colaboración extensible a outros sectores como o téxtil, o naval ou o agropecuario.

Así mesmo, explicou Conde, a viaxe permitiu “achegarse aos empresarios dos dous países”. Grazas á celebración dos Foros empresariais México – Galicia e Panamá – Galicia, preto de 1.000 empresarios coñeceron as potencialidades de Galicia, as súas capacidades e os seus principais sectores produtivos. “Do mesmo xeito, compartimos inquedanzas e obxectivos coas Asociacións de Empresarios Galegos en ámbolos dous países”, incidiu Conde, aproveitando para abordar os novos convenios plantexados para estas asociacións que contan cun orzamento dun millón de euros.

“Galicia ten o reto de ser competitiva”, subliñou Conde, incidindo na necesidade de que “os nosos empresarios gañen cota de mercado no exterior ao mesmo tempo que abrimos oportunidades a novos investimentos que se acheguen con vocación de permanencia e aposten polo emprego”.

1039 lecturas