Feijóo inicia este venres unha viaxe institucional a México e Panamá para seguir afondando nas oportunidades económicas e industriais que ambos os dous países ofrecen

O presidente da Xunta, que estará acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, manterá diversos encontros institucionais e de carácter económico, e reunirase coa colectividade galega.

Manter México como un aliado privilexiado e aproveitar as posibilidades de mercado que para ofrece Panamá diante do seu crecemento son os obxectivos principais desta viaxe.

Os datos teñen demostrado que seguir afondando na internacionalización é útil para a economía galega e para as e os emprendedores: Galicia foi en 2013 a cuarta comunidade máis exportadora de toda España.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2014.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, iniciará este venres unha viaxe institucional a México e Panamá para seguir afondando nas oportunidades económicas e industriais que ambos os dous países ofrecen.

Durante a viaxe, na que estará acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o responsable do Executivo galego manterá diversos encontros institucionais e económicos, e reunirase tamén coa colectividade galega. Deste xeito, o Goberno galego segue centrando na economía a súa axenda exterior, apostando de forma decidida pola internacionalización da economía galega.

Non en van o país azteca vén de dar, a través da alianza estratéxica coa petroleira Pemex, grandes oportunidades a Galicia, que a Xunta se propón continuar no futuro. Por iso, manter México como un aliado privilexiado e aproveitar as posibilidades de mercado que para as empresas galegas ofrece Panamá, diante do seu crecemento, son os obxectivos principais desta viaxe.

A Xunta seguirá tendo nestes dous países un destino prioritario dentro da súa axenda internacional e, neste sentido, cómpre lembrar o labor levado a cabo pola Rede de Plataformas no Exterior. A Rede Pexga tense demostrado axeitada polo seu nivel de actividade especialmente nos mercados de América Latina, xa que as catro plataformas latinoamericanas concentran máis da metade das accións realizadas.

Os datos teñen demostrado que seguir afondando na internacionalización é útil para a economía galega e útil para as e os emprendedores. Desde o ano 2009 conseguíronse avances moi importantes neste eido que permitiron, por exemplo, incrementar un 29 % o número de empresas exportadoras ata chegar case ás 6.400, así como acadar un récord histórico de exportacións, que sumaron 18.419 millóns de euros o pasado ano. Isto representa un 32 % máis que en 2009, sendo Galicia a cuarta comunidade máis exportadora de toda España en 2013, ano en que as exportacións galegas medraron un 11,7 %.

938 lecturas