Comezan estes días a chegar a Galicia os primeiros beneficiarios e beneficiarias das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a listaxe de persoas admitidas e de suplentes. 

Mercé a esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, cen galegas e galegos residentes no estranxeiro rematarán a súa formación na Galicia territorial, coa finalidade de asentar aquí novas iniciativas empresariais. 

  • Imaxe da recente reunión de Miranda en Bos Aires coas e cos beneficiarios das Bolsas
    Imaxe da recente reunión de Miranda en Bos Aires coas e cos beneficiarios das Bolsas
  • Imaxe da recente reunión de Miranda en Montevideo coas e cos beneficiarios das Bolsas
    Imaxe da recente reunión de Miranda en Montevideo coas e cos beneficiarios das Bolsas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina a resolución publicada hoxe no DOG que resolve a convocatoria das primeiras ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa da Xunta, novidade deste ano, que busca atraer á Galicia a galegas e galegos residentes fóra con currículos brillantes.

As Bolsas facilitan o retorno e estudos de licenciadas e licenciados galegos residentes no Exterior para  cursar másteres ofertados por algunha das tres universidades galegas, e ten ademais o obxectivo de fixar poboación nova na Galicia territorial, xerando emprego en sectores en expansión.

O programa, xestionado por Emigración, conta coa colaboración das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía, Emprego e Industria, así como as propias universidades galegas. A idea é atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

As e os beneficiarios desta iniciativa pioneira son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e acreditaron un mínimo de dous anos de residencia no Exterior. A bolsa ten un importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, e destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. O importe increméntase proporcionalmente no caso de másteres con maior número de créditos.

Oportunidade demográfica
O secretario xeral da Emigración destaca que, con iniciativas coma esta, “Galicia comprométese coa súa mocidade do Exterior, porque tamén sabemos do seu compromiso para achegar coñecemento e experiencias ao avance da nosa terra. O futuro de Galicia, como o seu pasado, pasa polas dúas beiras do Atlántico”. Neste senso, salientou Miranda, “o feito de que 7 de cada 10 galegos do Exterior naceran xa na diáspora é para Galicia unha excelente oportunidade demográfica e unha vantaxe competitiva”.

2543 lecturas