A Xunta abre a segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para atraer os currículos máis brillantes das galegas e os galegos que viven no estranxeiro

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración contará con preto dun millón de euros para financiar os estudos de mestrado dos cen mellores expedientes do exterior. 

As alumnas e alumnos contarán a partir deste ano con orientación laboral específica para que poidan iniciar a súa traxectoria laboral e establecerse definitivamente en Galicia.  ​

Imaxe do Consello da Xunta celebrado esta mañá en San Caetano (Santiago de Compostela)
Imaxe do Consello da Xunta celebrado esta mañá en San Caetano (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018.

O Consello da Xunta aprobou esta mañá a convocatoria, por parte da Secretaría Xeral da Emigración, das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME)’, coas que o Goberno galego posibilitará por segundo ano consecutivo que cen tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A iniciativa é xestionada por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e busca atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego. Con este fin introducirase este ano como novidade o acceso a orientación laboral específica para as beneficiarias e beneficiarios das bolsas BEME.

Esta nova medida pretende, non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade, contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. O investimento inicial por curso académico desta iniciativa é de 860.000 euros.

Requisitos para ser beneficiario ou beneficiaria e contía da bolsa
As beneficiarias e beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitido na pre inscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

Perfil das e dos primeiros bolseiros
Á primeira convocatoria deste programa formativo presentáronse 184 solicitudes, das que 50 procederon de Venezuela, 39 de Brasil, 38 de galegas e galegos emigrados (e residentes, principalmente, no Reino Unido e Alemaña), e 25 da Arxentina. De aí que os países con maior número de estudantes seleccionadas e seleccionados, que se atopan nestes intres cursando os seus respectivos mestrados, repitan esta mesma secuencia: Venezuela (25), Brasil (19), A Arxentina (16), Reino Unido (9), México (7), Alemaña e Uruguai (6 cada un), Cuba e Costa Rica (2 cada un), e Suíza, Polonia, Panamá, Chile, Chipre e Francia (1 cada un). 

Trinta delas e deles elixiron un mestrado impartido pola Universidade da Coruña, mentres outras e outros 35 se decantaron por un da Universidade de Santiago de Compostela e as e os 35 restantes, por un da Universidade de Vigo. En materia de xénero, o reparto das bolsas beneficiou practicamente ao mesmo número de homes que de mulleres. 

O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice á maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 31 de maio, poida abrirse canto antes. Os alumnos e alumnas terán ata o 10 de agosto para presentar a matrícula nos mestrados elixidos, e os primeiros e primeiras estudantes arrancarán o curso no mes de setembro.

8420 lecturas