XA SE PODEN SOLICITAR AS ‘BOLSAS EXCELENCIA MOCIDADE EXTERIOR’, COAS QUE RETORNARÁN Á TERRA OS CURRÍCULOS UNIVERSITARIOS MÁIS BRILLANTES DOS GALEGOS E GALEGAS NO ESTRANXEIRO

Os primeiros beneficiarios e beneficiarias iniciarían os seus estudos nalgunha das tres universidades galegas este mes de setembro.

O Goberno galego engade esta nova medida ás xa adoptadas para facer fronte ao reto demográfico.

Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2017.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a convocatoria das novas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, coas que o Goberno galego posibilitará que cen titulados universitarios galegos e galegas e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

A previsión é que as e as e os primeiros beneficiarios da medida comecen os seus estudos no mes de setembro. Esta nova medida do Goberno galego capta así para o territorio o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. As persoas beneficiarias da iniciativa deben ser galegas por nacemento ou descendente por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitida na pre inscrición dalgún dos másteres das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. O investimento global inicial por curso académico desta iniciativa é de 1.000.000 de euros.

A iniciativa será xestionada por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

5211 lecturas