Comeza en Santiago un novo curso acreditativo de formación para inmigrantes

Listen to this page using ReadSpeaker

O Subdirector Xeral da Inmigración, Antonio Aguarón, presidiu esta mañá a inauguración dun novo curso formativo –neste caso de fontanería- para estranxeiros residentes en Compostela e comarca, curso que se engloba nas actividades desenvolvidas pola Xunta de Galicia para a integración social e laboral deste colectivo.

Trátase dunha iniciativa que conta con cofinanciamento orzamentario do Fondo Social Europeo, e que consta de varios módulos teóricos –que se impartirán en aula- e prácticos, que se levarán a cabo en empresas do sector. O obxectivo é achegar o máximo posible a formación do alumnado ás necesidades reais do mercado laboral no que se pretende inserir.

Asemade, e coa fin de garantir unha subsistencia mínima das persoas en formación nestes cursos dirixidos a colectivos con especiais dificultades de inserción, estipulouse unha bolsa diaria para os asistentes ao curso, como adoita facerse decote, que neste caso é de seis euros diarios.

As accións formativas teóricas terán lugar na sede compostelá de FESAN (Fundación de Estudios e Análises), na rúa Severino Riveiro Tomé, no barrio de Fontiñas, onde esta mañá tivo lugar o comezo oficial das clases. A FESAN nace en 1997 co obxectivo de proporcionar formación a través da cal se facilite a inserción laboral e un aumento da capacitación dos traballadores. É unha fundación que aporta o seu capital humano, de coñecementos e a súa experiencia ao desenvolvemento social e comunitario do seu entorno, axustándose a criterios de eficacia técnica e humana.

1462 lecturas