Entregados os diplomas do curso de ‘Linguas galega e castelá para inmigrantes’ organizado por Femuro en Verín

O encargado de presidir o acto foi o subdirector xeral da Inmigración e do Retorno da Xunta, Antonio Aguarón.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Subdirector Xeral da Inmigración e do Retorno, Antonio Aguarón, presidiu na tarde de onte en Verín a clausura e entrega dos diplomas correspondentes ao curso Aprendizaxe das linguas galega e castelá, sufragado con fondos da Secretaría Xeral da Emigración, e impartido pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO).

Este tipo de iniciativas son fundamentais para garantir a plena inserción social das persoas residentes na nosa Comunidade procedentes do estranxeiro, para as que en moitos casos a barreira idiomática resulta un atranco infranqueable para a súa integración efectiva na nosa sociedade.

A estes efectos, desde Emigración poténciase no posible a realización deste tipo de cursos por parte de entidades, como é o caso de FEMURO, con ampla traxectoria e implantación en determinadas comarcas. No caso concreto de Verín, participaron nesta edición un total de vinte alumnas e alumnos.

Asemade, a Secretaría Xeral da especial pulo a estes cursos en enclaves que, pola súa singularidade, requiren unha especial atención por parte deste departamento autonómico. No caso de Verín, na súa condición de cidade transfronteiriza, reviste especial relevancia a integración de todo tipo de inmigrantes e persoas retornadas, con énfase primordial dos cidadáns e as cidadás portugueses, que supoñen case a metade das persoas estranxeiras en Galicia.

Neste senso, Aguarón salientou a “estreita e exemplar” colaboración do Concello de Verín coa Secretaría Xeral da Emigración, e a súa sensibilidade para co colectivo ao que se dirixen as iniciativas do seu departamento. O subdirector xeral lamentou que o exemplo das autoridades locais non sexa seguida por outras corporacións galegas.

921 lecturas