Emigración entrega diplomas de arranxo de roupa, fontanaría e auxiliar agropecuario, a inmigrantes de Tordoia e Santiago

De cada unha das iniciativas beneficiáronse quince alumnos e alumnas.

A Xunta inviste 800.000 euros anuais en accións desenvolvidas por entidades sociais e concellos para a integración das persoas chegadas do estranxeiro.

Listen to this page using ReadSpeaker
28 de setembro de 2011.

O subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón, acompañado do alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, e a secretaria xeral da Asociación Téxtil de Galicia (Atexga), Eva Mª Ben, clausuran mañá xoves 29 na Casa da Cultura de Tordoia o curso de Arranxo e Recuperación de Roupa que se desenvolveu nesta localidade dende o pasado día 12, no que participaron inmigrantes e emigrantes galegos e galegas retornados.

O curso foi impartido por Atexga, dentro do marco da convocatoria de accións de formación laboral, dirixidas a persoas migrantes, da Secretaría Xeral da Emigración, a cal está cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo. A duración deste curso foi de 90 horas (30 teóricas e 60 prácticas), con módulos sobre tecnoloxía téxtil xeral, específica dos arranxos, operacións de práctica de arranxos e composturas, e calidade no rematado da prenda. Tamén contou cun módulo complementario sobre igualdade e corresponsabilidade familiar.

En Santiago
Emigración tamén entregou este mércores, na sede da Fundación de Estudos e Análises (Fesan), na compostelá rúa Severino Ribeiro Tomé, os diplomas correspondentes a cadanseu alumno dos cursos de fontanaría e auxiliar agropecuario. No primeiro caso, o curso foi de 100 horas (40 teóricas, 60 prácticas), e no segundo de 120 (50 de teoría, 70 xa no agro).

No programa do curso de fontanaría incluíanse módulos formativos sobre ferramentas e materiais, sanitarios, canalizacións e sumidoiros, gas, instalacións e modalidades de aparellos, aplicacións diversas da especialidade, continxencias en baños e cociñas, especificidades das augas residuais, e prevención de riscos laborais.

No de auxiliar agropecuario, as ensinanzas versaron arredor do acondicionamento do terreo e modos de cultivo, instalación e mantemento básicos de infraestruturas agrícolas, sementes, plantación e transplante, regos e abonos, prevención de riscos específicos en actividades vinculadas á agricultura, e normativa relacionada con estas actividades.

Eficacia da medida
Cómpre salientar que boa parte dos cursos que están a impartirse a través desta convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración, prevén o compromiso de contratación, por un período mínimo de seis meses, dunha porcentaxe do alumnado por parte das entidades que os imparten.

Trátase dunha unha aposta máis da Administración autonómica pola busca de fórmulas que garantan a plena integración social e laboral do colectivo de persoas chegadas desde países de fóra da Unión Europea e para os que, en moitos casos, existen atrancos distintos e complementarios aos das persoas nativas á hora de atopar emprego.

Neste ano 2011, Emigración ten destinado 800.000 euros a ONGDs, entidades sociais e concellos para que realicen labores de formación, información e asesoramento xurídico e legal de persoas retornadas e inmigrantes, mantendo intacto o investimento malia o importante recorte de fondos de cofinanciamento chegados do Goberno Central (máis do 75 por cento só nos dous últimos anos). A Xunta amosa así o seu compromiso real e palpable pola integración do devandito colectivo.

934 lecturas