Bordóns revive a emigración

San Pedro recompila imaxes e obxectos para reconstruír a memoria dos 50, 60 e 70.

Listen to this page using ReadSpeaker

A asociación cultural San Pedro propúxose recuperar a memoria de avós, pais, tíos ou primos que un día decidiron deixar Bordóns para percorrer o mundo en busca dunha vida mellor. Coas fotografías e recordos dos que saíron dende os anos 50, "a maioría dos veciños", preparan unha exposición para o 20 de agosto.

Encadeando as vellas fotografías que traen ao presente recordos case esquecidos, ou botando man daquelas maletas de cartón coas que un día os seus donos se aventuraron a probar sorte ao outro lado do océano, a asociación cultural San Pedro proponse crear o retrato de toda unha xeración, a dos veciños que entre a década dos 50 e os 70 saíron de Bordóns para percorrer o mundo.

Cartas, billetes, fotos, moedas... todo vale para a mostra que o colectivo espera inaugurar coincidindo coa Festa Labrega, o próximo 20 de agosto, na casa de cultura.

A iniciativa, que nace do éxito obtido coa primeira mostra celebrada o ano pasado (sobre as vida na parroquia décadas atrás), pretende rememorar as longas viaxes de "os nosos avós, tíos... porque aquí a maioría da xente saíu", recorda Ana, que forma parte do equipo encargado de reunir os documentos.

"Chegarán a última hora pero esperamos máis colaboración que o ano pasado, porque aínda que ao principio eran remisos, á xente lle gustou", engade.

Arxentina e Venezuela ou "a Transmediterránea" eran os destinos escollidos polos veciños que se animaban a emigrar, explican, levados polo boca a boca e a influencia dos que lles precedían. Claro que segundo apunta Ana, a idea de buscarse a vida noutra parte do globo non é algo alleo aos mozos de agora, "aínda pasa", recoñece.

O colectivo ultima os detalles da próxima edición da súa Festa Labrega, creada para dar a coñecer os puntos fortes da parroquia, "o albariño e a terra que cultivaban as mulleres mentres os homes se ían navegar". A pouco máis dun mes da celebración, recordan aos artesáns interesados en sumarse á festa que aínda quedan postos vacantes.

 

Fonte: Faro de Vigo | Foto: Faro de Vigo

965 lecturas