Pisos para acoller inmigrantes
O Concello da Coruña cede dúas vivendas a Accem, unha organización solidaria que dispón xa de cinco inmobles para persoas foráneas en risco de exclusión.
A Asociación Católica Española de Migracións (Accem) dispón na cidade de dous novos pisos para acoller inmigrantes con problemas de exclusión, despois dun convenio asinado entre o alcalde e o presidente da entidade.
En total, a organización conta con cinco inmobles, nos que a convivencia está regulada por unhas normas que todos os inquilinos e inquilinas deben respectar.
Cinco pisos na cidade e dous no municipio de Culleredo serven á Asociación Católica Española de Migracións (Accem) para ofrecer un lugar cómodo e seguro no que vivir preto de 25 persoas en risco de exclusión, na súa maioría inmigrantes. A cifra de inmobles de acollida, que recolle os dous pisos que cedeu este luns o Concello da Coruña á entidade mediante un convenio, é insuficiente para atender a toda a demanda e, por iso, expresaron a súa satisfacción tras o acordo que asinaron o alcalde Carlos Negreira e o presidente de Accem, Pedro Puente.
"Temos lista de espera. Hai perfís novos, como o dos desafiuzados. A maioría das persoas ás que atendemos son subsaharianos que están na rúa ou que viven amoreados en pisos, aínda que tamén nos chega xente procedente de albergues como o de Padre Rubinos", declara Carmen Vázquez, responsable de Accem en Galicia.
Os e as que viven nos pisos da organización, segundo informan os membros de Accem, deben asinar un contrato que inclúe unha serie de pautas de comportamento, destinadas a regular a convivencia. "De todos os xeitos, son pisos de autonomía con vixilancia mínima. A xente é maior de idade, ten as súas chaves e entra e sae con liberdade", destaca Carmen Vázquez.
O alcalde da cidade, Carlos Negreira, aproveitou a firma do convenio con Accem para criticar a oposición, que o acusou de propiciar a beneficencia con ese tipo de axudas en lugar de velar polos servizos públicos. "Teríame gustado que eles tivesen feito eses esforzos", manifestou.
Fonte e foto: La Opinión de A Coruña
Novas relacionadas