150 mozas e mozos do exterior cursarán os seus mestrados nas 3 universidades galegas grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

Arxentina, Venezuela, Brasil e Reino Unido son os países cun maior número de beneficiarias e beneficiarios, dos que 57 cursarán os seus estudos na USC, 55 na Universidade de Vigo, e 38 na UDC.

26 mozas e mozos naceron en Galicia e volven agora á Comunidade a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios deste programa pioneiro: facilitar o retorno á súa terra da mocidade galega no exterior. 

A idade media do alumnado é de pouco máis de 29 anos, e o 66% son mulleres.

583 persoas iniciaron o procedemento de solicitude destas bolsas, presentando a súa candidatura 423 das que se seleccionaron 150, quedando 25 máis en lista de agarda, o que amosa o éxito dunha terceira convocatoria que viu incrementado orzamento e número de beneficiarios nun 50% ante esta importante demanda. 

Imaxe de arquivo da entrega de diplomas ás beneficiarias e beneficiarios da segunda promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME
Imaxe de arquivo da entrega de diplomas ás beneficiarias e beneficiarios da segunda promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019.

Cento cincuenta mozas e mozos da Galicia exterior cursarán os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, un programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración que suma a súa terceira edición na procura de fomentar o retorno da mocidade galega no exterior, nacida en Galicia. 

Neste sentido, cómpre salientar que das e dos 150 beneficiarios, 26 mozas e mozos naceron en Galicia e volven agora á Comunidade a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios deste programa. A maioría destas mozas e mozos, doce, retornan a Galicia desde Reino Unido. 

Así mesmo, no conxunto da listaxe de persoas beneficiarias que publica hoxe o DOG, Arxentina, Venezuela, Brasil e Reino Unido son os países cun maior número de alumnas e alumnos, dos que 57 cursarán os seus estudos na USC, 55 na Universidade de Vigo, e 38 na UDC.  

Así, do total de persoas admitidas, 36 reside na Arxentina, 28 en Venezuela, 25 no Brasil, 17 no Reino Unido, 13 no Uruguai, 11 en México, 5 en Chile, 3 en Cuba, 3 en Alemaña, outros 3 en Portugal, 2 en Panamá, 2 en Bolivia, un en Australia e outro en Costa Rica.  

Entre 22 e 30 anos de idade
“A información que nos ofrecen as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior confirman unha clara vontade dos galegos que emigraron máis recentemente de volver á súa terra. O Reino Unido, malia non ser o país de Europa que máis galegos acolle, si é un dos que acubilla mozos con estudos universitarios. A eles, ademais, de aos fillos e descendentes de emigrantes, é precisamente a quen vai dirixido este programa da Secretaría Xeral da Emigración”, sinala o titular do departamento do Goberno galego, Antonio Rodríguez Miranda.

Cabe salientar tamén a idade media dos beneficiarios e beneficiarias das BEME, que se sitúa en pouco máis de 29 anos, sumando a maioría das e dos alumnos entre 22 e 30 anos de idade. Ademais, as mulleres concentran o 66% das bolsas, mantendo así a tendencia que experimenta este programa do Goberno galego desde a súa primeira edición, no curso 2017/2018.

Estratexia Retorna 2020
Este programa, incluído dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, persegue incentivar o retorno das cidadás e cidadáns galegos do exterior, non só das e dos emigrados, senón tamén dos seus e as súas descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Neste sentido, cómpre salientar que 583 persoas iniciaron o procedemento de solicitude destas bolsas, presentando a súa candidatura 423 das que se seleccionaron 150, quedando 25 máis en lista de agarda, o que amosa o éxito dunha terceira convocatoria que viu incrementado orzamento e número de beneficiarias e beneficiarios nun 50% ante esta importante demanda.  

1014 lecturas