O Reino Unido lidera os países de retorno das e dos beneficiarios provisionais da segunda edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior nacidos en Galicia

Dezaoito das e dos concesionarios das cen primeiras bolsas concedidas, case unha quinta parte, naceron na comunidade autónoma.

Venezuela é o país de procedencia dun terzo das solicitudes aprobadas de axudas para estudar un mestrado nunha universidade galega no curso 2018/2019, seguido da Arxentina, O Brasil, O Reino Unido e O Uruguai .

 A idade media das e dos solicitantes é de preto de 29 anos, malia que os grupos máis numerosos son os de 25 e 27 anos, e máis do 60 % son mulleres.

A Consellería de Educación mantén aberto o prazo de solicitude para optar a unha das cen bolsas para que as galegas e os galegos retornados poidan cursar un ciclo superior de FP en Galicia.

Imaxe de arquivo do acto de entrega de diplomas ás e aos integrantes da primeira promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME
Imaxe de arquivo do acto de entrega de diplomas ás e aos integrantes da primeira promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2018.

O Reino Unido encabeza a listaxe dos países de procedencia dos beneficiarios e beneficiarias provisionais da segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), o programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración para fomentar o retorno da mocidade galega no exterior, nacida en Galicia. Do cento de galegas e galegos aos que o Goberno galego ofrecer a posibilidade de estudar un mestrado nalgunha das tres universidades públicas, case unha quinta parte, dezaoito, foron nados na comunidade autónoma galega ou residiron nela máis de dez anos consecutivos, tal como esixe a normativa vixente. Preto da metade delas e deles, sete, emprenderán o camiño de regreso a Galicia desde o Reino Unido, mentres outros dous o farán desde Alemaña, dous máis desde Venezuela, e un desde cada un do resto dos países: Bélxica, Austria, Chile, Perú, Venezuela, Paraguai, Francia e Canadá.

Do total de persoas admitidas provisionais, á espera da publicación da listaxe definitiva, máis dunha terceira parte, 34, residen en Venezuela, 13 no Uruguai, 11 na Arxentina, 10 no Brasil, 7 en México, 4 en Chile, 3 en Bolivia, 2 en Alemaña e un en Cuba, Bélxica, Canadá, Austria, Chile, Perú, Venezuela, Francia e Paraguai, respectivamente.

Entre 24 e 30 anos de idade
“A información que nos ofrecen as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior confirman unha clara vontade dos galegos que emigraron máis recentemente de volver á súa terra. O Reino Unido, malia non ser o país de Europa que máis galegos acolle, si é un dos que acubilla mozos con estudos universitarios. A eles, ademais, de aos fillos e descendentes de emigrantes, é precisamente a quen vai dirixido este programa da Secretaría Xeral da Emigración”, sinalou o titular do departamento do Goberno galego, Antonio Rodríguez Miranda.

A idade media das beneficiarias e beneficiarios provisionais das BEME baixou en máis dun ano respecto á das e dos solicitantes, situándose en 28,9 anos, malia que os grupos que aglutinan un maior número de persoas son os de 25 e 27 anos, con 12 mozas e mozos cada un, seguidos do de 24 e 30. En xeral, a franxa que comprende dos 24 aos 30 anos foi a que amosou unha maior interese por formar parte da segunda promoción dos mestrados resultantes do programa da Secretaría Xeral da Emigración.

As mulleres volven concentrar nesta convocatoria o 63 % das bolsas, mentres os homes supoñen o 37 % restante. Mantense así a tendencia que experimenta este programa do Goberno galego desde a súa primeira edición, no curso 2017/2018.

Axudas para facer un ciclo superior de FP
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola súa banda, mantén aberto ata o 10 de setembro o prazo para optar a unha das 100 bolsas para cursar un ciclo superior de Formación Profesional (FP). Cada unha destas axudas está dotada con 10.000 euros e busca que o alumnado poida desenvolver os seus estudos ao longo dos dous cursos do ciclo acolléndose a unha réxime de concorrencia competitiva, para a cal o departamento educativo do Goberno galego mobiliza un millón de euros.

Esta medida, incluída dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, persegue incentivar o retorno das cidadás e os cidadáns galegos do exterior, non só das e dos emigrados, senón tamén dos seus e as súas descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

563 lecturas