Miranda inaugura a xornada informativa de benvida para as mozas e mozos beneficiarios da terceira edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME)

O secretario xeral da Emigración resalta a “valente decisión de regresar a Galicia” para iniciar unha nova vida: “Esperamos e desexamos que unha vez que rematedes os estudos decidades quedarvos”. 

Durante a xornada, na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, as e os asistentes reciben asesoramento sobre cuestións prácticas como a lingua e o sistema educativo, a busca activa de emprego ou os programa de apoio ao emprendemento. 

  • Imaxe da inauguración, esta mañá, na Facultade de Filosofía da USC
    Imaxe da inauguración, esta mañá, na Facultade de Filosofía da USC
  • Imaxe da inauguración, esta mañá, na Facultade de Filosofía da USC
    Imaxe da inauguración, esta mañá, na Facultade de Filosofía da USC
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu hoxe –nun acto celebrado na Facultade de Filosofía no que estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro-, a inauguración da xornada de benvida aos beneficiarios e beneficiarias da terceira convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que veñen de iniciar os seus estudos tanto de formación profesional como de máster nunha das tres universidades públicas galegas. 

“Hoxe damos a benvida a preto de 170 mozos do exterior que escollen Galicia para seguir coas súas carreiras e cos seus estudos. Todos eles incorporarán a súa importante experiencia académica e profesional”, resaltou Miranda. 

Neste sentido, o secretario xeral agradeceu ás e aos beneficiarios das BEME que tomaran a “valente decisión de regresar a Galicia” para iniciar unha nova vida. “Esperamos e desexamos que unha vez que rematedes os estudos decidades quedarvos, e nós, desde o Goberno galego, queremos proporcionarvos todas as ferramentas para facelo posible, e para que vos custe cada vez menos decantarvos por unha Galicia disposta a acollervos cos brazos abertos”, sinalou.

Desde as 9.30 horas, e durante todo o día, as e os asistentes á xornada -que contou tamén coa presenza de Margarita Amor López, vicerreitora da Universidade de A Coruña, e Natalia Caparrini, vicerreitora da Universidade de Vigo-, recibirán información e asesoramento de primeira man sobre cuestións prácticas como a lingua e o sistema educativo no caso de descendentes de galegas ou galegos procedentes no exterior, e a busca activa de emprego e os programas de apoio ao emprendemento impulsados pola Xunta.

As diferentes charlas e obradoiros son impartidas por especialistas en cada un dos sectores, desde xuventude ata emprego e promoción económica, e contarán, así mesmo, con testemuños tanto de profesionais da busca de traballo como de bolseiras e bolseiros pertencentes á primeira promoción das BEME. Dúas persoas retornadas emprendedoras exporán as súas experiencias tanto á hora do regreso a Galicia como de iniciar o seu proxecto persoal e vital, que pretenden servir de guías para os bolseiros e bolseiras.

Expedientes de excelencia e formación profesional 
As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) enmárcanse na Estratexia Retorna 2020, e son impulsadas pola Secretaría Xeral da Emigración e a Consellería de Educación, Universidade  e Formación Profesional, na procura de promover o retorno a Galicia tanto daquelas e daqueles estudantes que queiran desenvolver aquí os seus estudos de FP, como de atraer os mellores expedientes universitarios do estranxeiro a través dunha axuda que sufraga os gastos de matrícula, viaxe e estadía para cursar un máster nalgunha das tres universidades públicas galegas (a Universidade Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña). 

Neste sentido, o programa ten ofrecido xa máis de medio milleiro de oportunidades de cursar aquí os seus estudos á mozas e mozos galegos que viven no exterior. Así, no tocante ás bolsas de máster, nas súas tres edicións trouxeron de volta a Galicia 350 expedientes de excelencia, contando cunha elevada demanda que ten permitido incrementar nun 50% o orzamento e o número de prazas para este ano. Para o presente curso, Arxentina, Venezuela, Brasil e Reino Unido son os países cun maior número de beneficiarias e beneficiarios, dos que 57 cursan os seus estudios na USC, 55 na Universidade de Vigo, e 38 na UDC. Do total, 26 mozas e mozos naceron en Galicia e volven agora á Comunidade a seguir cos seus estudos universitarios. 

Deste xeito cúmprese co principal obxectivo dun programa, incluído na Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, que busca incentivar o retorno das cidadás e os cidadáns galegos do exterior, non só dos emigrados e emigradas, senón tamén das e dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de formación profesional da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

En imaxes
461 lecturas