Miranda pon en valor o compromiso do Centro Galego de Lleida coa difusión da cultura e das tradicións galegas en Cataluña
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro co presidente do Centro Galego de Lleida, Eligio Suevos, no que abordaron a actividade que desenvolve a entidade e os seus próximos proxectos para continuar promovendo a cultura e as tradicións de Galicia en Cataluña. Miranda destacou o importante papel dos centros galegos como espazos de convivencia que permiten manter o vínculo coa terra e transmitir a galeguidade ás novas xeracións.
Durante a reunión, o secretario xeral agradeceu a Eligio Suevos e ao conxunto da directiva o seu compromiso coa colectividade galega e o traballo que realizan ao longo de todo o ano para facer visible Galicia en Lleida. Miranda reiterou o apoio da Xunta ao labor do tecido asociativo galego no exterior e salientou que “entidades como o Centro Galego de Lleida son unha ponte permanente con Galicia e garanten que a nosa cultura, a nosa identidade e as nosas tradicións continúen vivas e presentes fóra da nosa terra”.
Novas relacionadas




