A Xunta recorda que o próximo martes, día 3 de outubro, remata o prazo para que a mocidade galega do exterior solicite as bolsas Retorna Talento FP
A Xunta de Galicia recorda que o martes, día 3 de outubro, remata o prazo para que a mocidade do exterior poida solicitar algunha das 108 bolsas Retorna Talento FP co fin de realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe. Por primeira vez ofértanse neste marco prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral das e dos titulados.
Os trámites deberán facerse a través da aplicación informática Ciclosadmisión. Os requirimentos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia e son, con carácter xeral, non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 40 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia. A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan.
Modalidade A: 48 bolsas para estudar Programas específicos básicos de FP (bolsa de 6.500€ por alumno/a):
| Concello | Centro | Programa formativo de formación específica básica |
|---|---|---|
| A Coruña | CIFP Someso | Albanelaría e fontanería |
| Culleredo | CIFP Universidade Laboral | Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios |
Modalidade B: 60 prazas para cursar cinco ciclos de Formación Profesional Dual (bolsa de 10.800€ por estudante):
| Concello | Centro | Ciclo de FP Dual |
|---|---|---|
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Ciclo superior de Deseño e amoblamento |
| A Coruña | CIFP Someso | Ciclo superior de Proxectos de edificación |
| Culleredo | CIFP Universidade Laboral | Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos |
| Vilamarín | CIFP de Vilamarín | Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos |
| Redondela | IES de Chapela | Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia |
Novas relacionadas




