Miranda sinala que as xeracións de galegas e galegos nados na diáspora son unha “importante vantaxe social, económica e demográfica”
O secretario xeral da Emigración fixo estas declaracións durante a presentación das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ en Chile, sexto país onde se achega á mocidade para dalas a coñecer .
O alto cargo asistiu asemade ao 125 aniversario da ‘Bomba España’, corpo de bombeiros chilenos fundado por emigrantes galegos e españois.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, asistiron hoxe á recepción que o embaixador de España en Chile, Carlos Robles Fraga, ofreceu con motivo do 125 aniversario da ‘Bomba España’, corpo de bombeiros creado por emigrantes galegos e españois.
Esta entidade, coa que colaboran a Xunta de Galicia e outras institucións, ten actuado de maneira exemplar, ao longo da súa historia, en incendios urbanos e rurais, todo tipo de catástrofes naturais, e outras situacións de emerxencia social. “A Bomba España é un exemplo máis, como tantos outros, da pegada solidaria que na historia dos pobos americanos deixou a diáspora galega. Cómpre lembrar, por exemplo, o sistema mutual de asistencia sanitaria, que existe en moitos destes países, e que foi creado -e en moitos casos segue dirixido- por galegos”, afirmou o secretario xeral.
Lar Gallego
Miranda e Dobarro visitaron ademais a socias e socios do Lar Gallego de Chile, con cuxa directiva mantiveron unha reunión de traballo. Esta asociación da diáspora galega comparte instalacións, con entidades de orixe noutras comunidades, no Estadio Español de Chile, institución de índole deportiva, social e cultural, fundada no ano 1950, e unha das máis importantes e influentes na sociedade chilena.
Os obxectivos principais do Estadio son o coñecemento, conservación e desenvolvemento dos valores das culturas galega e española e a súa difusión na sociedade chilena. Creado no ano 1967 e presidido por María Myriam López, o Lar Gallego desenvolve, canda outras entidades españolas ao abeiro do Estadio, numerosas e populares actividades deportivas, sociais e culturais que favorecen a unión e a convivencia, e que teñen dado importantes éxitos ás e aos seus protagonistas.
Galegas e galegos en Chile
Aínda que Chile non foi dos países con maior número de persoas emigrantes galegas, boa parte das paisanas e paisanos chegou a través de Arxentina e Brasil. Un gran número procede da comarca do Ribeiro, e posúe certa relevancia no sector do comercio e a industria. Segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora en Chile 4.063 galegas e galegos, de quen preto da metade xa naceron na diáspora.
Precisamente, Rodríguez Miranda invitou ás e aos fillos e netas e netos de galegas e galegos asentados no país a se uniren á iniciativa das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ que, antes de Chile, o secretario xeral xa ten presentado en Venezuela, Arxentina, Uruguai, Cuba e México. O alto cargo lembrou que se trata dunha nova iniciativa do Goberno coa que busca atraer á Galicia territorial a galegas e galegos residentes fóra co obxectivo de fixar poboación nova que emprenda (e por tanto xere emprego) en sectores en expansión.
“A idea base destas Bolsas é beneficiar ao perceptor axudándoo a culminar a súa formación, pero tamén materializar esa importante vantaxe social, económica e demográfica para Galicia que son as xeracións nadas no Exterior. Lonxe de seren un factor de preocupación, desde o Goberno galego vémolas como unha importante vantaxe competitiva”, sinalou Rodríguez Miranda.
Novas relacionadas





