Miranda e López Dobarro analizan o desenvolvemento dos programas sociais destinados aos emigrantes galegos e galegas en Arxentina, Uruguai e Brasil

O secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta nos países do Sur do continente americano destacaron os 282.738 euros concedidos a 355 beneficiarias e beneficiarios en 2020 e tamén estudaron a posibilidade de incrementar as axudas de emerxencia ante a actual situación de pandemia.

O prazo para a liña de emerxencia estará aberto ata o 16 de novembro.

Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración co delegado da Xunta na Arxentina e Uruguai
Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración co delegado da Xunta na Arxentina e Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión de traballo co delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, e co xefe do Servizo de Programas Socio-Asistenciais, José Antonio Casas Calviño, cos que analizou a situación actual das e dos emigrantes galegos nos países do sur de América ante a actual pandemia así como as axudas concedidas pola Xunta de Galicia para paliar a situación de emerxencia xurdida por esta situación en 2020 e os programas desenvolvidos.

En primeiro lugar, ambos responsables realizaron un balance das axudas económicas individuais que a Secretaría Xeral da Emigración concede a aquelas persoas que se atopan de xeito habitual en situación de necesidade social e que xa foron concedidas na súa totalidade. Deste xeito, beneficiáronse 355 familias de Uruguai, Brasil e Arxentina por un montante total de 282.738 euros.  

Por outra banda, ambos responsables tamén analizaron as axudas de emerxencia social que aínda mantén aberto o seu prazo de solicitude e que poderían verse incrementadas no caso de que fora necesario. Na actualidade, o orzamento do programa é de 200.000 euros.

Neste senso, cabe recordar que estas axudas foron convocadas en agosto deste ano dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, residentes no exterior e que carecen dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, e que precisan dunha actuación urxente, e poden solicitarse ata o 16 de novembro.   

A activación deste programa busca atender, de xeito prioritario, as situacións de necesidade e dificultade que se está a vivir en moitos países como consecuencia da actual pandemia da covid-19. E as e os demandantes deben ter en conta que estas axudas concédense sempre coa xustificación de que a emerxencia tivera lugar como máximo con 12 meses de antelación á solicitude da mesma.

Entre as razóns especificadas para solicitar estas axudas atópase, entre outras, a de atoparse no exterior en situación de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa solicitante non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio. Tamén se poden solicitar por perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar, así como por problemas urxentes referidos á alimentación, vestido, educación e outros similares non cubertos polos diferentes sistemas de protección nacional dos países nos que reside a persoa beneficiaria.  

Trátase dunha iniciativa da que pode resultar beneficiaria calquera persoa emigrante galega, así como as e os descendentes en primeiro grao, que posúan a condición de galegas ou galegos residentes no exterior, de acordo co establecido legalmente para este recoñecemento.

521 lecturas