Miranda coñeceu de primeira man as expectativas de futuro da colectividade galega no novo período que se abre en Panamá
O secretario xeral da Emigración viaxa para tomar o pulso da Galeguidade no país centroamericano, nun momento histórico para as súas posibilidades de expansión.
O mesmo que noutros países de América Latina, as comunidades galegas en Panamá realizan un importante labor social e asistencial.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, achegouse ata Panamá para coñecer a actualidade e expectativas de futuro das comunidades galegas no país centroamericano, nun momento histórico para o mesmo pola apertura da nova canle interoceánica, que potenciará de maneira moi relevante as posibilidades económicas e comerciais do país.
É a primeira ocasión que Miranda visita ás colectividades galegas asentadas en Panamá, conformadas fundamentalmente por persoas orixinarias da provincia de Ourense e, nomeadamente, polos seus e as súas descendentes: cómpre lembrar que 7 de cada 10 cidadás e cidadáns galegos residentes no Exterior son xa nados na diáspora.
Así, e segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística, viven en Panamá un total de 3.691 galegas e galegos, dos que unicamente 690 naceron na provincia onde están inscritos: é dicir, o 18’7 por cento do total.
A viaxe de Miranda comezou cunha reunión coas máximas autoridades do Goberno Central presentes no país: o embaixador español en Panamá, Ramón Santos, o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da legación diplomática, Carlos Moyano; e maila cónsul xeral, Cristina Ruenes. Con eles analizou a situación actual das colectividades galega, e española en xeral, e tamén as posibilidades de expansión internacional de ambas economías neste novo período que se abre na nación centroamericana.
Dúas comunidades importantes
Tras esta xuntanza, o secretario xeral da Emigración mantivo un primeiro encontro coas socias e socios, e directiva, da Sociedade Española de Beneficencia, que preside Leopoldo González. Trátase da entidade que presta maior número de servizos á diáspora e o centro español máis representativo na Cidade de Panamá, maioritariamente integrado por galegas e galegos.
Na reunión tamén estivo presente o representante da outra gran entidade que traballa no ámbito da Galeguidade en Panamá, a ‘Sociedad Española de La Chorrera’, que toma o nome da zona de Panamá Cidade na que ten a súa sede, e que preside o tamén galego Benigno Carreiro.
Esta nova viaxe de Miranda concluíu cunha nova reunión de traballo, nesta ocasión con membros conselleiras e conselleiros electos do CRE (Consello de Residentes Españois) de Panamá, que preside Concepción Cabanillas. Con elas e eles departiu para ter outra visión máis sobre as necesidades, inquedanzas e expectativas das comunidades galega e española, coa fin de orientar e actualizar axeitadamente as políticas da Secretaría Xeral da Emigración no presente e futuros exercicios, e enfocar con aínda maior precisión os investimentos do departamento (nomeadamente os sociais, aqueles que a Administración galega ten blindados), e as novas liñas de actuación que se poidan desenvolver agora que os datos apuntan a unha consolidación na recuperación económica da Galicia territorial.
O mesmo que nos países do resto de América, e tamén en Europa, as comunidades galegas teñen amosado unha vital importancia para a internacionalización e expansión da economía galega, papel que se revela de suma importancia no caso de Panamá, onde unha parte relevante da comunidade galega está vinculada á pequena e mediana empresa.
Novas relacionadas






